Besteiro aposta desde Barcelona por «frenar a ultradereita» e impulsar «unha transición verde xusta»
O líder dos socialistas galegos participou este fin de semana na Global Progressive Mobilisation, que tivo lugar na cidade condal.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, co presidente, Pedro Sánchez, e demais representantes do PSOE en Barcelona / PSdeG
O secretario xeral do PSdeG esboza as súas prioridades desde Barcelona. A través dunha nota de prensa, o PSdeG asegura que José Ramón Gómez Besteiro participou este fin de semana na Global Progressive Mobilisation, unhas xornadas nas que os progresistas avanzaron na construción dun “fronte común con obxectivos claros” para abordar os problemas “que de verdade importan”.
Alí fixo un chamamento a “frenar a ultradereita, combater de raíz a desigualdade, blindar os dereitos, defender o público e impulsar unha transición verde xusta”. “Falamos de democracia, de dereitos e de cohesión social. Ou avanzamos, ou retrocedemos. Aquí non hai grises.”, asegurou o socialista, invitando á esquerda a facelo “sen complexos”. “Somos socialistas, pacifistas, ecoloxistas e feministas, e reivindicámolo con orgullo”, asegurou.
Neste sentido, o secretario xeral afirmou que o que se tratou en Barcelona estes días, coa presenza de líderes progresistas de todo o mundo e figuras que comparten este pensamento, como Mariana Mazzucato ou Gabriela Ramos, tamén afecta directamente a Galicia.
“As respostas que se deron neste espazo internacional son as mesmas que necesitamos na nosa casa”, defendeu, facendo referencia a problemáticas como o encarecemento da vivenda, a situación da sanidade pública ou a falta de oportunidades para os mozos. Ademais, Besteiro destacou a necesidade de tecer alianzas internacionais co fin de “abrir oportunidades de cooperación” para a comunidade autónoma.