Besteiro reivindica o «triplo non» do Goberno a Altri para derrubar o seu proxecto en Palas de Rei
O secretario xeral do PSdeG cre que o naufraxio de Altri se fraguou coa súa exclusión do PERTE de descarbonización e o rexeitamento á concesión de axudas públicas e á subestación eléctrica que necesitaba para o seu proxecto.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa / PSdeG
O secretario xeral do PSdeG move ficha tras o arquivo definitivo do proxecto de Altri pensado para Palas de Rei. José Ramón Gómez Besteiro considera que con este movemento “ganan” Galicia e a comarca de A Ulloa e tamén “a xente que nunca se resignou” na súa oposición contra el.
“É un día excelente para Galicia, para a comarca de A Ulloa e para toda a xente que nunca se resignou a que lle impuxesen pola forza un proxecto que non era bo para Galicia, que Galicia non necesitaba e que Galicia non quería”, aplaudiu o líder socialista.
Neste sentido, Besteiro contrapuxo a actitude da Xunta coa do Goberno central. Ao seu xuízo, o “triplo non razoado” do Executivo central foi clave para frear esta iniciativa. O secretario xeral do PSdeG referiuse á exclusión do PERTE de descarbonización; a non concesión de axudas públicas, e o rexeitamento á subestación eléctrica. “A planificación do Estado responde a criterios técnicos, non a operacións de propaganda”, xustificou. De feito, isto último foi clave na decisión da Xunta, que a xustifica principalmente pola imposibilidade de conexión eléctrica.
Por contra, considera que o Goberno galego chegou a este punto “tarde, obrigada e sen recoñecer en ningún momento o dano que este proxecto puido causar”. Por ese motivo non cre que o presidente da Xunta pechase o proxecto “por convicción”, dado que “limítase a certificar a defunción por falta de enchufe”, a pesar de —nas súas palabras—lle ter posto “alfombra vermella durante catro anos”.
“Rueda non enterra Altri por convicción. Faino porque non lle queda outra”, opinou nun audio remitido aos medios este sábado. A decisión fíxoa pública hai un día a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que informou de que se lle comunicara á empresa portuguesa o arquivo “definitivo e firme” cunha resolución, á que cabe interpor recurso.
O “acordo secreto” con Impulsa
A pesar deste arquivo, Besteiro considera que se abre un período para cuestionar algúns apartados do proceso. Neste sentido, o PSdeG volveu poñer enriba da mesa o “acordo secreto” que a Xunta asinou con Altri en 2021 a través de Impulsa Galicia. Ademais, o partido puxo de manifesto que este é un documento que o Goberno galego “se nega a facer público”.
“Queremos saber que compromisos se adquiriron e se esta aposta fallida vai custar cartos aos galegos e ás galegas. Rueda ten hoxe unha oportunidade magnífica para desclasificar eses papeis. Se non ten nada que ocultar, que os amose”, reclamou Besteiro.