Besteiro celebra a inversión de SAIC en Galicia e atribúe o mérito a Sánchez
O secretario xeral do PSdeG acusa á Xunta de "falta de planificación" en materia industrial e defende que Pedro Sánchez foi o artífice da chegada de SAIC Motor a Ferrolterra grazas á súa visita a China.
Alfonso Rueda e José Ramón Gómez Besteiro.
Parlamento de Galicia: Choque no Parlamento de Galicia a conta da inversión de SAIC Motor en Ferrolterra. O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro reivindicou o papel do Executivo de Pedro Sánchez na chegada da compañía chinesa a Galicia. Ao seu xuízo, nos seus 17 anos de goberno na Xunta de Galicia, o PPdeG prometeu “verdadeiras revolucións industriais” que “quedaron en nada”.
“As caixas galegas desapareceron; Pemex, aquel impulso da industria naval converteuse nun verdadeiro fiasco; o eólico, o que podería ser unha verdadeira oportunidade histórica para reindustrializar o noso país tamén foi outro fiasco…”, lamentou. O secretario xeral do PSdeG cargou tamén contra a, ao seu xuízo, “falta de planificación” da Xunta de Galicia, que apostou por Altri, nun “outro impulso industrial fallido cheo de amiguismo e opacidade”. “Dende que vostede é presidente, dende setembro de 2022, declaráronse 19 proxectos industriais estratéxicos. Desses, catro desapareceron e non se van executar, e, executados totalmente non hai ningún”, sinalou.
É por iso que Besteiro sostivo que hai “un problema de resultados” na Xunta que “non se materializan no desenvolvemento industrial”. Fronte a iso, asegurou que “o que desenvolve as grandes inversións, as grandes transferencias de capital para a industria é o Goberno do Estado“.
Rueda acusa a Besteiro de facer “seguidismo” do BNG
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, afeou a Besteiro que debuxe un “panorama negro”, como fan “os seus aliados do BNG” cando, segundo dixo, o certo é que as exportacións “seguen batendo récords” nun “mundo tan convulso como o actual”. “Os índices de produción industrial están moi por riba da media nacional”, engadiu Rueda, que asegurou que “se hai industrias que non poden vir” é pola “falta de planificación eléctrica” por parte do Goberno central.
Ademais, cuestionou que Besteiro lle pregunte polas políticas da Xunta de Galicia para atraer industrias na semana na que se confirma o proxecto de SAIC para Galicia que, conforme destacou, dará a oportunidade de crear máis de 2.300 postos de traballo, con 200 millóns de euros de investimento e 120.000 vehículos fabricados ao ano.
“Toda unha comarca, a de Ferrolterra e toda Galicia espero que se poida beneficiar. Son boas novas, señor Besteiro, e iso grazas ao noso potencial, ao noso talento, á xente que traballa aquí, á nosa estabilidade política e a como nos estamos a mover”, afirmou Rueda, que citou tamén a “axuda” do Executivo estatal. “Se nos axuda, por suposto, recoñecémolo”, incidiu.
Besteiro ve “hipocrisía” no PP por China
Seguidamente, Besteiro cargou contra a “hipocrisía” do Partido Popular e lembrou as críticas que a formación de Núñez Feijóo vertía contra Sánchez polo seu viaxe a China unha semana antes de que o que visitase o país fose o propio titular da Xunta de Galicia. “Dicían que ía facer política, pero que vostede ía facer política de Estado”, censurou Besteiro.
Neste punto, puxo en valor as labores do equipo de Sánchez para que o goberno chinés, propietario dunha parte da empresa, escollese España e que, entre outras cidades, apostase por Galicia. “O Goberno apostou claramente por esta inversión, sabe por que? Por Galicia e por unha zona de transición xusta”, subliñou para instar á Xunta de Galicia a “cumprir os prazos” e a non “estropear” que este proxecto sexa unha realidade.
A iso Rueda respondeu criticando que o socialista trate de asegurar que “todo o que hai en Galicia débese ao Goberno central” xusto cando acaba de deixar a “toda unha provincia sen conexión eléctrica” para evitar a implantación de Altri en Palas de Rei.
Ademais, sobre cumprir os prazos, lembrou a Besteiro que hai datas límite que non dependen da Xunta e que espera que o Goberno central tamén “cumpran”. “A min díxeronme que se ían cumprir e confío nesa palabra e pídolle que non estorbe, que non se meta no medio”, dixo Rueda.
Seguidamente, acusou aos socialistas galegos de facer “seguidismo” do Partido Popular. “Vostede foi cómplice de facer seguidismo ao partido do negacionismo industrial. A todo que non, que se poñan noutros sitios, montamos plataformas para que non veñan. Iso é o BNG e vostedes son os seguidistas útiles, poña outro adxectivo se quere”, dixo para pedir a Besteiro que “non o faga así esta vez”.
Todo iso nunha intervención na que asegurou que se as empresas se fixan en Galicia para o seu desembarco é pola “estabilidade política” e que permite que os investidores “confíen” nela. “Por tanto, temos todo o dereito do mundo a pedirlles aos gobernos que colaboren, os municipais, como está facendo o de As Pontes e o goberno de Ferrol, e por suposto, o Goberno central. E pídolle que non estorben en todo isto. Sexan conscientes do que se xoga Galicia“, subliñou.