A doazón de Amancio Ortega logra mobilizar outros 35 millóns de investimento da Xunta en protonterapia
A Consellería de Sanidade licita por 14 millóns o subministro de equipamento de imaxe de alta tecnoloxía para o centro de protonterapia que construíu Copasa e que alberga o equipo doado pola Fundación Amancio Ortega.
Alfonso Rueda visita o centro de protonterapia de Galicia, situado en Santiago de Compostela. Foto: Xunta
A Fundación Amancio Ortega acordou co Goberno en outubro de 2021 financiar a implantación da protonterapia en España, unha tecnoloxía que permite tratar os tumores canceríxenos de xeito máis preciso e con menores danos para o tecido san. A institución que preside Flora Pérez, a muller do fundador de Inditex, doou 280 millóns para que o sistema sanitario público puidese adquirir os equipos, fabricados pola multinacional belga IBA.
A doazón da fundación, á súa vez, está a mobilizar máis investimento público para o tratamento oncolóxico. A Xunta, por exemplo, destinou outros 35 millóns. A maior parte, case 20 millóns, serviu para construír o Centro de Protonterapia de Galicia en Santiago, que construíu Copasa e que alberga nos seus búnkeres o ciclotrón Proteus One de IBA. Outros 14,5 millóns destinaranse ao equipamento de imaxe de alta tecnoloxía médica que se instalará no centro.
Nova licitación
O Segas acaba de licitar por 14,5 millóns o subministro, implantación e mantemento do equipamento de imaxe de alta tecnoloxía médica para o Centro de Protonterapia de Galicia. O Goberno galego adquirirá un equipo híbrido PET/RM (tomografía por emisión de positrones e resonancia magnética) de última xeración e un equipo de tomografía computarizada de tecnoloxía avanzada de conteo de fotóns (PCCT) e/ou tecnoloxía espectral.
Así mesmo, encargarase o subministro dunha plataforma de enriquecemento, curación e integración de datos clínicos e imaxe médica. A empresa adxudicataria disporá de mes e medio, unha vez formalizado o contrato, para a entrega do plan de implantación dos equipos e o inicio do proceso de fabricación industrial. A continuación, está previsto que en seis meses se executen as obras de adaptación e teña lugar a entrada dos equipos de imaxe médica, a súa instalación, integración e posta en funcionamento.
Entrada en servizo
As obras e posta en marcha deste equipamento serán complementarias e compatibles coa entrada en funcionamento do centro, prevista para finais de ano ou inicios de 2027. Se todo vai ben, será o primeiro dos ciclotróns doados por Amancio Ortega que entre en funcionamento.