Pablo Isla abandona o padroado da Fundación Amancio Ortega
O presidente de Nestlé cesou como vogal na obra social do fundador de Zara, cargo no que se mantivo desde 2005, cando se cumpren catro anos da súa saída de Inditex.
Foto de arquivo de Pablo Isla e Amancio Ortega durante a etapa do primeiro como presidente de Inditex, nun evento hípico celebrado en Casas Novas. Foto: Cabalar/EFE
Pablo Isla desvincúlase do último cargo que, polo menos a nivel formal, o unía co universo de Inditex. O flamante novo presidente de Nestlé acaba de abandonar o patronato da Fundación Amancio Ortega, no que ocupaba unha vocalía desde 2005, ano no que se incorporou á multinacional téxtil, entón como vicepresidente e conselleiro delegado.
Segundo fontes da entidade sen ánimo de lucro consultadas por Economía Digital Galicia, o executivo madrileño tería cesado no seu cargo o pasado decembro, ao expirar o seu período de mandato (os órganos da fundación renóvanse cada cinco anos). A súa saída da entidade con sede na Coruña produciuse xusto cando se cumpriron catro anos do seu anuncio de saída de Inditex, que foi a finais de 2021, aínda que se materializou en marzo de 2022.
A pesar da súa marcha de Arteixo, o tamén ex de Altadis mantivo ata agora o seu posto como vocal da obra social que, agora, queda conformada, unicamente, por membros do núcleo duro de Amancio Ortega.
O patronato, o ‘núcleo duro’ de Ortega
Tras a saída de Isla, e segundo figura na propia páxina web da fundación, o patronato da mesma queda integrado por Flora Pérez Marcote, que ocupa o posto de presidenta desde 2023, e o propio Ortega Gaona como vocal fundador. Marta Ortega, filla de ambos e presidenta non executiva de Inditex, ostenta o cargo de vicepresidenta primeira, mentres que a histórica man dereita da familia, José Arnau, mantense como vicepresidente executivo a pesar de que o pasado verán abandonou os seus cargos como vicepresidente en Inditex e Pontegadea, o brazo inversor da familia, debido á súa xubilación.
Roberto Cibeira, conselleiro delegado de Pontegadea e desde o ano pasado, nun movemento precisamente motivado pola xubilación de Arnau, conselleiro en Inditex, ocupa unha vocalía.
A marcha de Isla do patronato non supuxo a entrada de ningún novo membro.
Os cargos de Isla
A saída de Isla da Fundación Amancio Ortega produciuse tan só uns meses despois do seu ascenso á presidencia do consello de administración de Nestlé, un cargo que non é executivo. O expresidente de Inditex accedeu ao seu novo cargo en outubro do ano pasado.
O nomeamento non estaba previsto que se materializase ata o 16 de abril deste ano, pero o seu predecesor, o veterano Paul Bulcke, decidiu adiantar a súa saída en medio da voráxine na que se mergullara a empresa, que tivo que despedir ao seu recentemente nomeado conselleiro delegado, Laurent Freixe, por ocultar unha relación cunha subordinada, circunstancia que incumpría os seus códigos éticos.
Bulcke deu un paso atrás para acompasar o ascenso de Isla, conselleiro desde 2018, co do novo CEO, Phillip Navratil.
A operación de saída de Bulcke de Nestlé tamén acaba de propiciar que Isla acceda a outro consello de administración de renome, o de L´Oreal, participada polo xigante suízo. A pasada semana, a compañía francesa anunciou que someterá á súa xunta xeral de accionistas, o próximo 24 de abril, o nomeamento de Isla como vicepresidente.
O movemento ten sentido, xa que, ata agora, quen ocupaba unha das vicepresidencias era, precisamente, Paul Bulcke, cuxo período no cargo expira este abril.
A Caixa
Pablo Isla xa abandonou de forma efectiva a Fundación Amancio Ortega, un cargo que non era remunerado, pero mantense no da Fundación Bancaria La Caixa, ao que accedeu precisamente en febreiro de 2022, meses antes da súa marcha efectiva de Inditex.
Isla foi nomeado vocal xunto co entón presidente de Telefónica, José María Álvarez Pallete.
Ademais, na actualidade, mantense como conselleiro do órgano de supervisión da alemá Bertelsmann e como presidente da súa produtora, Fonte Films.
Un cuarto de século da fundación
A Fundación Amancio Ortega cumpre este 2025 un cuarto de século de vida, os mesmos que Pontegadea, o holding da familia que é o seu principal financiador, e os mesmos que fai que saíu á bolsa Inditex.
A obra social constituíuse, de feito, menos de dous meses despois de que Inditex saltase ao parqué e fraguase a gran fortuna dos Ortega. Segundo as crónicas, naceu o 10 de xullo de 2001. Inicialmente, segundo os seus estatutos, naceu destinada á “promoción, fomento, desenvolvemento, execución e financiamento de todo tipo de actividades que axuden á difusión e á extensión da cultura, da educación, da investigación e da ciencia en calquera das súas manifestacións”. Posteriormente, en 2008, ampliou o seu obxecto social á “financiación de actividades propias da acción social e asistencial”.
A fundación leva a cabo a súa obra social grazas, en boa medida, á achega que recibe Pontegadea que, á súa vez, se nutre dos dividendos de Inditex.
O pasado 2024, último exercicio do que hai datos, o home máis rico de España inyectou máis de 765 millóns de euros á súa institución sen ánimo de lucro.
Con esa ingente inxección poderá cubrir todos os seus compromisos de doazóns ata 2028. Os compromisos de investimento adquiridos pola institución a peche de 2024 ascendían a 541,8 millóns. Destos, 253,6 millóns correspondían ao programa de protonterapia para a loita contra o cancro en España e Portugal; 10,5 millóns á educación; 64,3 millóns ao programa de centros de atención integral a maiores en Galicia; e 210,3 millóns a outros programas sociais.