O PP derruba a comisión de investigación da maior onda de incendios do século en Galicia.

Alega que o BNG pretende convertela nun "linchamento" e alimentar a "cerimonia da confusión"; Ana Pontón denuncia unha "cadea de neglixencias" da Xunta.

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, visita el centro de coordinación operativa (Cecop) provincial para hacer el seguimiento de la situación de los incendios

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, visita el centro de coordinación operativa (Cecop) provincial para hacer el seguimiento de la situación de los incendios – XUNTA

O PPdeG aproveitou a súa maioría absoluta no Parlamento galego para desbotar a comisión de investigación sobre a onda de incendios deste verán, a maior do século en Galicia con máis de 100.000 hectáreas queimadas. A petición do BNG contara co apoio do PSdeG e de Democracia Ourensana, pero os populares consideraron que a posta en marcha só serviría para “alimentar a cerimonia da confusión”. “No linchamento van estar vostedes sos”, dixo o voceiro do PP, Alberto Pazos Couñago a Ana Pontón.

A voceira nacional do BNG, pola súa parte, denunciou unha “cadea de neglixencias” na Xunta e reprochou que os lumes “desbordaron” ao Goberno galego, “deixando en evidencia a súa incompetencia”. Na xornada, tanto Pontón como o PSdeG lanzaron mensaxes de apoio a Palestina e instaron a parar o “xenocidio” que está perpetrando Israel.

A xestión de Rueda

A líder do BNG criticou a xestión do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen “non fixo o seu traballo”, posto que “en plena onda de incendios non estaba no centro de coordinación”, senón “na praza de touros de Pontevedra”. Deste xeito, Pontón acusa aos populares de “desmantelar” as medidas de prevención do bipartito e atribúe a onda de lumes a “décadas” de abandono do rural, unha política forestal “fracasada” e a eucaliptización. “Esta catástrofe puido evitarse se o goberno do PP tomara outras decisións e aprendera dos seus propios erros“, resalta.

A líder nacionalista reprochou que o plan anticendios (Pladiga) “é un fracaso” e “non había os medios que se precisaban”, cun dispositivo “incompleto” no que se sacaron 300 prazas en plena tempada de alto risco. Reprocha que había motobombas paradas por falta de persoal e que se produciu un “fallo de coordinación” no dispositivo. Cuestiona por que non aumentaron os efectivos en Ourense “como recomendaban os expertos”, ao tempo que sostén que a Xunta deixou 11 millóns en prevención sen executar.

De feito, Ana Pontón mostrou o seu desexo de que os veciños de San Vicente de Leira, en Vilamartín (Ourense), lles puidesen “dicir á cara” aos populares o que lles dixeron á prensa mentres ardían as súas casas: “Déixaronnos sos, non había medios para loitar contra os incendios”. Por todo iso, lamenta que o PP pretenda “ventilar” esta crise sen unha investigación e tacha de “vergoña” que o PP diga que “non pasa nada”. Defende que os cidadáns “merecen explicacións, transparencia e coñecer a verdade”. Exixe “garantir que ‘nunca máis’ se repita o vivido este verán”. “Débeselles ao futuro”, concluíu Pontón sobre esta comisión de investigación.

Apoio do PSdeG

Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) –“Paremos o xenocidio de Gaza”, comezou a súa intervención– denunciou que os incendios foron “unha catástrofe provocada pola inacción da Xunta”. Recrimina que sete anos despois do ditame da comisión de incendios pola onda de lumes de 2017 “nada cambiou”, o cal “non foi unha sorpresa, foi a crónica dun desastre anunciado”. Unha problemática da que responsabiliza á “política errática e desvaída do Goberno galego”.

E é que lamenta “sete anos perdidos que multiplicaron os riscos e levaron ao desastre actual”. Resume que se produciu unha catástrofe “provocada pola inacción da Xunta”. Rodríguez Dacosta censura as “carencias” e a “precariedade” no dispositivo antincendios, con “centos de vacantes sen cubrir”, motobombas “paradas”, “contratos temporais” e “falta de execución presupostaria”. A iso únese unha información “opaca, incompleta e partidista”.

Mentres, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, reclamou que os orzamentos da Xunta para 2026 aposten por “recuperar” a provincia de Ourense logo dos lumes. Cre necesario investigar “cais son as causas” e “que fallou” para que “non se emitan bulos”.

Os argumentos do PP

Pola súa parte, o voceiro popular, Alberto Pazos Couñago, reduciu esta petición de investigación a unha “cerimonia interesada da confusión na que están instalados de maneira permanente” os nacionalistas. Así, xustificou a rexeitamento en que xa se está seguindo a folla de ruta da comisión de investigación a raíz da onda de incendios de 2017, que “se está desenvolvendo a bo ritmo”, aínda que di que é un plan que “tardará décadas en desenvolverse”.

Opina Pazos Couñago que esta comisión “non pretende alcanzar unha conclusión senón consolidar un prexuízo”. “No linchamento van estar vostedes sos”, esgrimiu. Tamén questionou o dato de 140.000 hectáreas de Copernicus ao incluír territorio que non é de Galicia nos incendios da provincia de Ourense.

Tras comezar a súa intervención cun agradecemento a “un dos mellores equipos de extinción do mundo”, Pazos Couñago considera esta reclamación “un novo chanzo na súa estratexia de difamación (do BNG)”. Despois de acusar a Pontón de buscar a “polarización”, o voceiro popular enumerou diferentes casos que salpican ao PSOE, como os da muller e o irmán de Pedro Sánchez, para exemplificar que aí os nacionalistas non piden comisións de investigación. “Un asqueroso xeito de entender a política”, asegura. Por estes argumentos, o popular móstrase en contra de “un xuízo político cuxa sentenza xa fixeron pública“.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta