Rueda defende que a condena a Ábalos debería ter «consecuencias políticas» para Pedro Sánchez
O presidente da Xunta considera que se Pedro Sánchez "se equivoca" se cre que "todo isto é alleo a el" e clama contra a corrupción no PSOE.
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, comparece ante os medios tras o Consello da Xunta. – XUNTA
Alfonso Rueda move ficha tras a condena a 24 anos de prisión a José Luis Ábalos. O presidente da Xunta asegurou que é de “sentido común” que esta pena ao exministro de Transportes e exsecretario de Organización do PSOE teña “consecuencias políticas” e sinalou que se o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, cre que “todo isto é alleo a el, equivócase”.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda destacou que “a inmensa maioría” está de acordo en que a sentenza ten que ter “responsabilidades políticas”, pero o Goberno “está fóra da realidade”. “Era o número 2 do PSOE, o 1 no seu funcionamento diario, un dos ministros máis potentes do goberno de Sánchez, ademais depois veu Santos Cerdán. Todo o que estabamos coñecendo, o expresidente Zapatero, respectando a presunción de inocencia nas institucións, tan contundentes, está claro que ten que ter consecuencias políticas”, reflexionou.
Nesta liña, subliñou que “outra cousa” é que “o instinto de supervivencia dunha soa persoa” lle faga pensar que “non ten por que facer nada”. É por iso que Rueda defendeu que se o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, cre que “isto non lle afecta” e que os españois pensarán que “non ten nada que ver con el, equivócase”.
A “imaxe no exterior” de España
Tamén puxo o foco na “imaxe no exterior”, o que exemplificou coa dimisión do primeiro ministro do Reino Unido, “que se ve sen apoio por circunstancias seguro que moito menos graves e con menos incidencias” que as causas arredor do Goberno español.
“Todo o aberto fai máis que xustificado que aos españois se nos dea voz e poder decidir se podemos seguir así e se queremos un cambio político”, subliñou Rueda, que volveu reiterar que se Pedro Sánchez pensa que “todo isto é alleo a el, equivócase e non está na realidade”.