Rueda esixirá a mesma financiación para o traspaso da AP-9 se Feijóo chega á Moncloa
O presidente da Xunta responde ao ministro de Facenda, que reclamou ao Executivo galego abandonar "o victimismo" en materia de financiación autonómica, e afirma que “os números cantan” e que “Galicia empeora a súa posición”.
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, comparece ante os medios tras o Consello da Xunta. – XUNTA
Alfonso Rueda manterá as mesmas esixencias polo traspaso da AP-9 se hai cambio de goberno estatal e o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, chega á Moncloa. O presidente da Xunta ironizou con que o que desexa é “o lacito” dos traspasos que reciben outras comunidades como Cataluña.
Rueda foi preguntado polas declaracións, nunha entrevista na SER, do ministro de Facenda, Arcadi España, en relación á financiación autonómica e ao traspaso da AP-9. Sobre a Autoestrada do Atlántico, o dirixente estatal censurou que a Xunta queira unha competencia “cun lacito e que non lle custe nada”.
O mandatario galego, quen advertiu que non está disposto a aceptar unha competencia se non ten unha financiación adecuada e que manterá igual esixencia se goberna Feijóo, esixiu “respecto” ao Goberno de España.
“Estamos a falar dunha competencia que pide o Parlamento por unanimidade”, argumentou Rueda, quen afirmou que as palabras do ministro deben responder “a un lapsus” agás que por “lacito” entenda que a Xunta reclama un traspaso ao que acompañe a “financiación suficiente”. Unha competencia nas mesmas condicións que, engadiu, reciben outras comunidades como Cataluña.
“Vou repetir o que digo sempre. Non queremos máis que ninguén, pero tampouco menos. Nós queremos o lacito que lles poñen ás competencias que traspasa a Cataluña ou ao País Vasco, por exemplo”, espetou, antes de incidir en que as súas declaracións deixan “moi mal” á oposición en Galicia.
Así, puxo o acento en que o PSOE e “especialmente” o BNG afirman que a competencia chegaría “perfectamente financiada”, cando o propio ministro responsable da financiación apuntou que para estas cuestións a Xunta “ten o seu orzamento”. Rueda agradeceu ao ministro que evidencie de forma “palmaria” a postura do Goberno.
Ao tempo, concluíu que espera que, se hai cambio de goberno en España, “se entendan” as condicións que esixe a Xunta. “Creo que vai ser así, e se non o fose, eu como presidente da Xunta non podería aceptar ese traspaso nas condicións que se nos quere impor agora”, apostilou.
Financiación autonómica
Sobre as declaracións do ministro na mesma entrevista, onde reclamou á Xunta abandonar “o victimismo” e participar nas negociacións bilaterais sobre a financiación autonómica, Rueda replicou que “deixar a Galicia como a segunda comunidade de 17 con peor financiación non é victimismo, é unha inxustiza inexplicable”.
“De victimismo nada. Os números cantan e dato mata relato. Galicia empeora a súa posición”, recalcou, e incidiu en que o Goberno aposta por negociar a dúas bandas para “dar moito a algúns a costa de quitar moito a outros, casualmente a Galicia”.
“Por iso mantemos a nosa posición: o que é de todos cómpre falalo e repartilo entre todos”, rematou.