Rueda volve defender a Altri e arremete contra BNG e PSdeG: “A Galicia real non lles interesa”
“O importante é ter a cabeza no que tes entre mans. E para min a prioridade é Galicia, e non me pranteo ningún outro obxectivo máis alá de servir á miña comunidade”, asegura o presidente da Xunta sobre o seu eventual salto a Madrid nunha entrevista que publica o anuario do Foro Económico de Galicia

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, preside el Consello en Lugo. – DAVID CABEZON @ XUNTA
“Preocúpame o negacionismo industrial do BNG, no que saca matrícula de honra, e o PSOE, permítame dicilo, ni está nin se lle espera”. Así describe o presidente da Xunta as posicións que manteñen os dous partidos da oposición sobre un asunto de singular polémica en Galicia, a chegada de Altri. “Nós ofrecémoslles hai tempo un pacto industrial, estendemos a man e rexeitárono. É o non por o non. A Galicia real non lles interesa”, asegura nunha extensa entrevista que recolle o anuario do Foro Económico de Galicia.
Na entrevista, realizada polo xornalista José Luis Gómez, editor do anuario, Rueda aborda cuestións macro e micro da realidade galega até deterse en Altri, que proxecta un complexo con dúas plantas, de celulosas e fibras téxtiles, en Palas de Rei. “Deixamos claro que todos os proxectos que queiran instalarse en Galicia son benvidos se cumpren, entre outros requisitos, coa normativa ambiental. E este non é unha excepción”, di o presidente.
“Agora tócalle ao Goberno”
Rueda fai balance recente e explica na entrevista que se emitiron 34 informes e se consultaron arredor de 30 órganos antes de emitir a declaración ambiental, que foi favorable. “Non serei eu quen cuestione a profesionalidade dos técnicos da Xunta”, continúa Rueda, “como si o fan asociacións que se autoproclaman ecoloxistas e partidos que aseguran defender a Galicia cando o único que fan é poñer pedras ao progreso dos galegos. Con todo, agora tócalle ao Goberno central mover ficha. Non á Xunta”.
Sobre a chegada dos Next Generation a Galicia, Rueda teno claro: “Falta planificación e axilidade na distribución dos fondos por parte do Goberno central. E hai unha desconexión evidente entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica”, di, para engadir que “urxe acompasar estas axudas ás verdadeiras necesidades das empresas e aos tempos de execución dos proxectos”.
¿Galicia ou Madrid?
Rueda tamén aborda cuestións relacionadas coa súa eventual salto á política nacional durante a entrevista do anuario do Foro Económico de Galicia. Sobre se a súa carreira política terminará ou non en Galicia, o presidente da Xunta parece centrado no seu desempeño actual.
“A min a política ensinoume que, sendo galego ou de outro lado, o importante é ter a cabeza no que tes entre mans”, di. “E para min a prioridade é Galicia”, engade, “e non me pranteo ningún outro obxectivo máis alá de servir á miña comunidade onde me pediron os galegos que o faga”.