Sen categorizar

O Informe Ardán constata a hexemonía das empresas da Coruña e a súa comarca fronte á de Vigo

Aínda que a Zona Franca asegura que a de Vigo “consólidase como a comarca máis dinámica de Galicia entre as grandes na creación de riqueza”, o Informe Ardán presentado polo consorcio indica que a aportación en termos de VAB é máis do dobre no caso de A Coruña (45,8% fronte a 17,9%) e moi superior en canto aos ingresos das empresas e en emprego

Santiago Lago, Carmela Silva, David Regades, Abel Caballero, Belén Fernández-Feijóo, Miguel Rodríguez Méndez

En la foto (de izq. a dcha.): Santiago Lago, Carmela Silva, David Regades, Abel Caballero, Belén Fernández-Feijóo, Miguel Rodríguez Méndez

¿É posible manter unha afirmación e a contraria ao mesmo tempo? Para a Zona Franca de Vigo, sen dúbida. Proba disto está no informe Ardán, presentado este martes en Vigo, no que se constata a clara hexemonía da economía da comarca da Coruña fronte á de Vigo, aínda que desde o propio consorcio se divulgou un comunicado, tras a presentación, que asegura que o estudo “sitúa a Vigo como a gran comarca máis dinámica de Galicia”.

En concreto, unha nota de prensa da Zona Franca de Vigo que resume o informe asegura que “o tecido empresarial da comarca de Vigo representa o 19% de empresas de Galicia, e responsable do 25,6% da facturación xerada. O valor engadido bruto agregado aumentou un 10% respecto ao exercicio anterior, o que consolida a Vigo como a comarca máis dinámica de Galicia entre as grandes na creación de riqueza”.

ranking do informe ardan

O que di o informe

Sen embargo, consultado o informe, que establece a clasificación das comarcas de Galicia en función da riqueza xerada en 2023, comproba que “as cinco primeiras comarcas, ordenadas segundo o maior Valor Engadido Bruto comarcal xerado en 2023, son A Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Pontevedra”. Ao acto de presentación deste martes asistiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen asegurou que “a nosa economía está moi ben diversificada e iso fainos case indestrutibles”.

Analisando os parámetros de forma individualizada para cada unha das cinco comarcas, como fai o informe, obsérvase que as 6.399 empresas con domicilio social na comarca da Coruña xeraron no ano 2023 o 45,8% do VAB total galego, un 37,1% dos ingresos e o 28,4% do emprego na comunidade galega, “representando o maior peso sobre o total de Galicia en cada un destes tres parámetros”, sinala o estudo. A continuación, a comarca de Vigo, con 7.414 empresas instaladas, concentrou o 17,9% do Valor Engadido total de Galicia, o 25,6% sobre o total galego dos ingresos en 2023 e o 19,86% do emprego xerado en Galicia.

Unha clara fenda

Do estudo dedúcese, pois, que a aportación en termos de VAB é máis do dobre no caso da Coruña fronte a Vigo (45,8% fronte a 17,9%), moi superior en canto aos ingresos das empresas (37,1% para A Coruña fronte a 25,6% de Vigo) e máis de oito puntos porcentuais se se atende ao peso do emprego.

Por tanto, o informe constata a fenda que hai entre as economías das comarcas da Coruña e Vigo en tres parámetros dos cinco analizados: Valor Engadido Bruto, ingresos e emprego das súas empresas. Vigo e a súa comarca, como indica o propio cadro do informe que reproduce Economía Dixital Galicia, só superan á comarca coruñesa en termos de poboación e número de empresas.

Análise comarcal

En conxunto, como sinala o informe, as cinco primeiras comarcas (A Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Pontevedra) aglutinan o 53,8% do total de empresas da mostra analizada, xeraron o 74,2% do volume de negocios e o 76% do VAB galego, así como, o 65,6% do emprego total da mostra analizada de Galicia en 2023.

Na presentación participaron, ademais de David Regades, presidente do Consorcio Zona Franca de Vigo; o catedrático da USC Santiago Lago, a catedrática da UVigo Belén Fernández-Feijóo, o director Grupo de Investigación GEN, UVigo, Miguel Rodríguez Méndez, e o alcalde de Vigo e presidente do consorcio, Abel Caballero.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta