Enfrontamento entre Rueda e Pontón no Parlamento polo futuro da Deputación de Lugo tras o ‘Caso Tomé’
Que van facer na Deputación de Lugo o día 14 cando o señor Tomé sexa necesario para que o PP non goberne?, preguntou Rueda a Pontón, que lle reprochou o caso de Alfonso Villares, exconselleiro do Mar, que dimitiu por unha denuncia por presunta agresión sexual.
Alfonso Rueda e Ana Pontón
Alfonso Rueda e Ana Pontón volven a chocar no Parlamento de Galicia, desta vez por conta do presunto caso de acoso sexual polo cal o socialista José Tomé formalizou a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo.
Aínda que nesta ocasión o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non formulou pregunta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dado que lle correspondía por cota ao deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, arrincou a súa intervención cun alegato en defensa da “tolerancia cero” fronte á violencia machista.
“Señorías, estamos no último pleno deste ano 2025 e gustaríame deixar aquí unha mensaxe para o conxunto da sociedade, pero moi especialmente para as mulleres: tolerancia cero ante a violencia machista veña de onde veña e afecte a quen afecte”, argumentou a dirixente nacionalista.
Cruce de críticas entre Rueda e Pontón
Fronte a iso, Rueda ironizara previamente con que a Besteiro non lle viña “mal” o “descanso” da sesión de control para poder “dedicarse a arranxar outras cousas” e posteriormente contraatacou a Pontón. “Ponse estupenda contra o machismo e a corrupción. Pois falemos diso. Que van facer na Deputación de Lugo o día 14 cando o señor Tomé sexanecesario para que o PP non goberne?”, apuntou Rueda.
“Que van facer, señora Pontón?”, insistiu, en referencia á data de elección do que será substituto de Tomé na institución provincial, dado que el formalizou a súa renuncia (que será efectiva o 30) a este cargo, aínda que retén o acta e a Alcaldía de Monforte.
Neste sentido, Rueda tamén ironizou con que Pontón proclame “tolerancia cero contra o machismo” mentres “o 25N van rodear a sede dun partido e acosar ás mulleres que estaban alí traballando” (en referencia á protesta da CIG ante a sede do PP de Santiago). “E vostede é incapaz de condenalo”, reprobou, antes de incidir en que a dirixente nacionalista prefire pasar “vergoña” a que lle “riñan os seus xefes” (en velada alusión á UPG).
En paralelo, o presidente da Xunta reprochoulle á dirixente nacionalista que non tivese “a mínima valentía política” para “condenar os insultos machistas” da campaña do mesmo sindicato contra a conselleira de Política Social, Fabiola García. Pontón replicou afeándolle a denuncia por presunta agresión sexual contra o exconselleiro Alfonso Villares (quen dimitiu en xuño, tras ser notificado de que estaba sendo investigado, pero comunicou a Rueda catro meses antes a existencia dunha denuncia contra el).
“Se tivo durante meses sentado ao seu lado no Consello da Xunta a un conselleiro contra o que sabía que había unha denuncia presentada na Policía por agresión sexual. Pero que clase de leccións de feminismo pretende dar?”, argumentou Pontón, quen tamén apuntou á Deputación de Lugo pero desde outra perspectiva.
“Para min non hai ningunha cuestión incómoda. A pregunta, en todo caso, será se vostedes queren valerse dun suposto acosador sexual para chegar á Deputación de Lugo”, sentenciou a nacionalista, quen se queixou das “faltas de respecto” de Rueda e que lle dixese que “está estupenda” ou que ten que “obedecer aos seus xefes”.