Galicia en común

Aléntase na política galega ventos dunha ilusión que parecía para sempre perdida. Os resultados municipais representaron non so unha grande oportunidade para a renovación duns usos non precisamente virtuosos nos concellos galegos senón tamén unha ocasión para conseguir que os intereses propios do país sexan de vez os que inspiren as estratexias a seguir.

Son moitas as voces que apostan por unha alternativa unitaria que poida alcanzar grupo parlamentario no Congreso ou, cando menos, que dispoña dunha forza relevante á hora das decisións a nivel do Estado. Mesmo puxéronse en marcha varias iniciativas na intención de axudar a marcar o camiño da confluencia. Nesa senda será básico concordar unhas liñas de acción común que haberán incluír, sen dúbida, o factor económico coma un dos eixos críticos.

Á economía galega estánselle esgotando os prazos. Ou ben inicia axiña e con folgos a súa transformación ou ben o País quedará condenado ao plácido marasmo dos terreos baldíos. E para iso cómpre mudar os gobernos que tanto están a condicionar o relanzamento económico, e tamén social, de Galicia. Sen entrarmos en cuestións puramente partidistas, Galicia ten que reaccionar xa, sen novas prórrogas. Veñen dúas eleccións nas cales hai que botar o resto coa idea de conseguir actuar de xeito coordinado dende o goberno central e do executivo autonómico.

Cales serán esas liñas comúns a definir de cara as eleccións xerais? As que poidan colocar o País nas vías do progreso. En primeiro lugar, resulta imprescindible rematar o mapa de infraestruturas con criterios de eficacia. Obxectivos claros de lexislatura haberían ser captar as competencias en materia de portos e aeroportos; arbitrar un sistema de coordinación entre os tres aeroportos que permita a potenciación do tráfico aéreo destino Galicia; contribuír ao aumento da cota de mercado dos portos galegos no tráfico marítimo de mercadorías; avanzar na imprescindible conexión de portos e aeroportos coas principais vías de comunicación terrestre; deseño dun programa de implantación de ferrocarril de proximidade e, en concreto, para a Costa da Morte e a ruta Lugo – Santiago; finalmente, estudar as deficiencias actuais que afectan ao transporte de mercadorías. 

Na política agraria e industrial, haberá que incluír así mesmo unha xeira de transcendentes reclamacións. Racionalización de vez do sector lácteo galego e garantía de prezos e produción mínimos; lanzamento dun plan urxente e poderoso de reprego do eucalipto por debaixo do 30% da súa presenza actual e substitución por especies autóctonas, cultivos agrarios ou pasto dentro dunha ampla estratexia de desenvolvemento do rural; defensa nas instancias europeas da posición de Galicia en materia de pesca e construción naval, principalmente; derrogación de moitas das concesións de minicentrais que afogan os ríos galegos, entre elas a do río Xallas no Ézaro; corrección do sistema de implantación de prezos da enerxía eléctrica para o beneficio das industrias galegas debido á curta distancia entre os lugares de produción e consumo; revisión da lexislación sobre enerxías renovables que recupere a potencialidade económica do vento; defensa do medio, espazos naturais e costa expresamente, para a promoción dun desenvolvemento sustentable; e por último nesta listaxe incompleta, discriminación positiva a prol de Galicia nos programas estatais de I D relacionados cos sectores de maior peso no PIB galego así como naqueles emerxentes cun maior potencial.

Poñer en práctica este conxunto de proxectos require dunha nova organización territorial a deseñar co obxectivo de poder contribuír á rexeneración económica do País. Por iso sería tamén clave conseguir para Galicia as plenas competencias que permitan rebaixar a influencia das provincias, eliminar as deputacións, reestruturar os concellos e lexislar sobre a creación de comarcas como unidades básicas de desenvolvemento económico.

Finalmente, o financiamento será de novo fundamental. Calcular as balanzas fiscais de xeito que se teña en conta o territorio de produción (caso da enerxía eléctrica ou de empresas galegas con sede fiscal en Madrid, por exemplo) e garantir a autonomía financeira sería outro apartado de indubidable transcendencia. Garantirmos o máximo nivel de autonomía para Galicia no novo modelo administrativo do Estado en cernes sería o último, ou máis ben o primeiro, punto a conseguir para un País que quere despegar cara ao seu futuro.