Actualizado
A patronal galega, expectante ante a evolución de Venezuela por posibles “efectos indirectos”
O presidente da CEG lembra que "a repercusión do país na empresa galega non é moi importante" aínda que "hai que estar pendente das posibles derivacións".
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites – CEG
O empresariado galego mantense “ollo avizor” sobre a evolución en Venezuela “nos próximos meses” tras a intervención dos Estados Unidos, polos eventuais efectos “indirectos” para os intereses da comunidade. Así se manifestou este xoves o presidente da patronal na comunidade, Juan Manuel Vieites, quen, con todo, indica que as relacións comerciais co país non son relevantes.
“A repercusión na empresa galega non é moi importante”, sinalou o presidente da CEG a preguntas dos xornalistas este xoves nun acto en Santiago, e en relación tanto a exportacións como importacións de Venezuela, cunha balanza comercial “negativa”.
En calquera caso, abogou por ver “se isto non avanza noutras direccións” ou cara a “outros países” e “sempre hai que estar pendente porque sempre hai derivacións, non directas senón indirectas”. “Iso realmente pode producir moita incerteza e o mundo empresarial galego tamén está ollo avizor a ver que pasa e como evoluciona nos próximos meses“, engadiu.
Contacto coa diáspora
Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, José González, reiterou, tamén a cuestións da prensa, que “a Xunta ten un contacto moi directo con toda a diáspora” e é “permanente” cos galegos en Venezuela, con “vías de apoio sempre abertas” que “en situación de dificultade poden incluso ampliarse”.
Tanto os galegos como o resto dos venezolanos, segundo a Xunta, “tiñan unha demanda de liberdade” e o que reclama o Goberno galego é “que canto antes se avance na consecución dunha democracia plena en Venezuela”.
En todo caso, González chamou a “ser cautos” e “esperar a ver como evoluciona”, coa convicción de que “é unánime a petición de que haxa unha democracia plena e se poida vivir en liberdade”.
No ámbito enerxético, constatou que Repsol “ten uns intereses importantes” e por iso esperou que o Executivo central “defenda os intereses” das empresas españolas.
A clave do petróleo
Por parte da confederación de empresarios de Galicia (CEG), Vieites, “dende o punto de vista do mundo do petróleo”, comentou que “estes movementos xeopolíticos que se están producindo fan que tamén as empresas teñan que buscar campións a nivel europeo e internacional”, para que “o abastecemento da materia prima sexa en unhas condicións que poidan servir aos seus intereses e aos que serven”.
Neste sentido apelou a “as economías de escala” e dixo que nelas “as enerxías xogan un papel fundamental, neste caso a enerxía fósil”.
Neste escenario, interrogado sobre movementos como os que se producen entre Galp e Moeve, constatou que “serán os accionistas os que tomen as decisións oportunas para poder levar adiante unha fusión” e considerou que “benvido sexa sempre que iso repercuta no mundo empresarial dunha maneira positiva”.