Actualizado
José González defende en O Encontro da Toxa a captación de talento como motor do emprego e do emprendemento
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración destaca a estratexia da Xunta de emprendemento ligada ao territorio, que incidirá tanto na creación de novos proxectos como na continuidade dos existentes que forman parte da identidade das vilas e comarcas.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, no peche da VI edición de O Encontro da Toxa. Xunta
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor a estratexia da Xunta de captación de talento en beneficio do emprendemento e o emprego. Así o apuntou na súa intervención no peche da sexta edición de O Encontro da Toxa na que abogou por acompañar ás empresas, ás persoas emprendedoras e ás autónomas para que sigan xerando riqueza, emprego e dinamismo económico na comunidade.
Nesa liña, referiuse á futura estratexia de emprendemento ligado ao territorio, que incidirá tanto na creación de novos proxectos como na continuidade dos existentes que forman parte da identidade das vilas e comarcas, tomando como fío condutor a Rede de polos, que atendeu uns 6.800 proxectos no conxunto de Galicia, dos que arredor de 2.000 corresponden á provincia de Pontevedra.
Nese sentido, tamén destacou as máis de 150 adhesións á Rede Ultreia para mellorar o acompañamento e o impacto das políticas públicas relacionadas co emprendemento ou os apoios autonómicos que inciden en aspectos clave como o relevo xeracional. Tanto neste capítulo como no da cobertura de vacantes, José González apostou por potenciar a forza laboral interna e, ao mesmo tempo, pola apertura á captación de talento, cun foco prioritario no retorno dos galegos do exterior.
O titular de Emprego destacou que Galicia está a desenvolver un modelo propio co foco no retorno da emigración, a través da Estratexia Galicia Retorna, e cun segundo eixo na captación ordenada de talento de terceiros países, especialmente de América Latina. Con ese pano de fondo, aludiu a iniciativas como a última convocatoria do programa Retorna Cualifica Emprego, coa que se espera que 200 persoas galegas residentes no estranxeiro poidan regresar a Galicia para desenvolver a súa vida e a súa traxectoria profesional.
O conselleiro enmarcou estas accións nun contexto no que Galicia está a acadar cifras históricas de emprego, co nivel de paro máis baixo de toda a serie histórica o pasado mes de xuño, tamén no caso da provincia de Pontevedra. González apelou ao diálogo social para abordar todos e cada un dos retos do mercado laboral, da man do empresariado e dos representantes das persoas traballadoras.
Sexta edición de O Encontro da Toxa
Baixo o lema “Galicia ante unha nova realidade”, a xornada final da sexta edición de O Encontro da Toxa puxo o foco en como Galicia pode gañar competitividade nun escenario internacional máis incerto: combinando autonomía estratéxica, capacidade industrial, talento e tecnoloxías estratéxicas, e reforzando a súa conexión co Noroeste e cos principais vectores europeos.
“Traballamos para construír unha sólida sociedade empresarial galega, que traballe por e para Galicia”, destacou o presidente de CESUGA, Venancio Salcines. “O éxito de O Encontro é o permanente diálogo entre administración autonómica e o mundo empresarial, porque dialogando, tecendo alianzas, é como podemos facer medrar a nosa comunidade”.
A sesión comezou co análise do “novo orde e as debilidades de Europa”, cunha conversa orientada a identificar implicacións directas para o tecido empresarial nun mundo marcado por tensións comerciais, dependencia tecnolóxica e enerxética e novas esixencias de seguridade. Na mesa participaron o director da Cátedra Servizos de Intelixencia e Sistemas Democráticos da Universidade Rey Juan Carlos, Fernando Velasco; o vicepresidente de tecnoloxía e responsable do equipo de preventa de solucións de infraestrutura e plataforma cloud de Oracle no sur de Europa, Juan Carlos D. Pedro Llamas; e o Xeneral Brigada do Exército de Terra e exdirector do Instituto Español de Estudos Estratéxicos, Francisco Dacoba.
O programa abordou tamén a transformación do traballo e o impacto dos digital workers na produtividade, organización e novos perfís profesionais co CEO NODUS Digital Workers, Albert Pijuan, o managing director industry X CIONET, José Luis Casal, moderados polo director académico efbs Grupo Educativo, Pancho Holguín.
Reforzar a cadea de subministración
Na mesa “Redefinindo a cadea de subministracións nun novo contexto global” analizouse a necesidade de reforzar a resiliencia e a xestión do risco loxístico nun entorno de volatilidade coa xerente de riscos e especialista en transporte de mercadorías e loxística
SABSEG, Ana Borrás; o director Supply Chain en Nauterra, Carlos García; o director Xeral Supply Chain e Terminales Grupo Nogar, Roque González, moderados polo presidente do Consello Xeral de Economistas de España, Miguel V. Taín.
O acto tamén contou cun debate moderado polo fundador e CEO InfoJC e presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, que se centrou en como a transición enerxética está reconfigurando a política industrial europea e en que medida o Noroeste pode gañar posición nun contexto de procura de autonomía estratéxica. A conversa abordou o potencial da rexión para converterse nun polo de referencia en enerxías renovables, almacenamento, redes intelixentes e novos vectores enerxéticos, así como as condicións necesarias para que esa oportunidade se traduza en proxectos tractores e cadea de valor. Neste sentido, o debate no que participaron o CEO Atalaya Mining, Alberto Lavandeira; o presidente do Grupo Alvariño, José Manuel F. Alvariño; o presidente da Cámara de Comercio de León, Javier Vega, apuntou a mellorar a colaboración público-privada e acelerar a execución de proxectos tractores para dotar ao territorio de condicións estables para atraer investimento, talento e cadea de valor.
O encontro A Toxa tamén acolleu unha conversa entre o CEO de Valhalla, Salvador Medina Fundador, e Jacobo Cosmen, presidente de ALSA que percorreu a historia e evolución da compañía e abordou como se equilibra a visión a longo prazo coa esixencia de competitividade, profesionalización e toma de decisións en contextos de incerteza.
Durante o peche reafirmouse a vocación de O encontro como un proceso vivo que busca traducir diálogo en cooperación e alianzas, conectando territorio e pensamento estratéxico. Durante as dúas xornadas nas que se celebrou a edición deste 2026 case un milleiro de persoas do mundo da empresa e do entorno institucional puideron compartir inquedanzas e tecer alianzas para garantir o potencial estratéxico de Galicia.
Premio Empresario Galego do Ano 2026
Tras o peche, o evento continuou coa comida e gala de entrega do Premio Empresario Galego do Ano 2026 no Gran Hotel LaToja, durante a cal se entregou o Premio Empresario Galego do Ano 2026 a Antonio Fontenla Ramil, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución ao desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. Nel, tanto o conselleiro José González, que entregou o premio, como José Manuel Lage, primeiro tenente de alcaldesa e portavoz do goberno Municipal da Coruña, e Pablo Junceda (Banco Sabadell), recoñeceron a traxectoria de Antonio Fontenla Ramil como exemplo dunha xeración de empresarios que entende o éxito como creación de prosperidade compartida e puxeron en valor a súa visión a longo prazo, a súa defensa de infraestruturas estratéxicas e o seu impulso a proxectos de internacionalización e enerxías renovables.