O Foro Económico destaca que “Galicia crece a pesar dunha demografía desfavorable” e pide captar inmigración
O ministro de Facenda participou no acto de presentación do anuario da entidade dirixida por Santiago Lago-Peñas, onde apelou ao diálogo coas comunidades en materia de financiación autonómica.
Acto de presentación do Anuario 2026 do Foro Económico de Galicia, na sede de Afundación, na Coruña. Foto: Europa Press/ Moncho Fuentes
Galicia crece desde o ano 2000 ao mesmo nivel que España e, iso, a pesar dunha demografía nada favorable. Así quedou de manifesto na presentación do anuario 2026 do Foro Económico de Galicia, que alertou de que, pese á fortaleza da comunidade, necesita captar inmigración. Así o indicou, en declaracións aos medios, o director da entidade e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Santiago Lago-Peñas.
Na mesma liña, na presentación do anuario do Foro –un acto celebrado na sede de Afundación, na Coruña, que contou coa presenza de autoridades, entre elas, o ministro de Facenda, Arcadi España; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro— destacou que o “desafío” de Galicia é “manter o seu crecemento moi por encima da media europea” como un “obxectivo claro e deliberado”.
Así o manifestou o presidente do Foro Económico, Víctor Nogueira, quen asegurou que a comunidade galega avanzou moito en produtividade e fíxoo con “estabilidade institucional e diálogo social”.
“Estabilidade institucional e orzamentos”
“O crecemento sostido depende da estabilidade institucional que require orzamentos aprobados e un modelo de financiamento xusto; o dinamismo económico require un mercado laboral que funcione ben e, todo iso, esixe, á súa vez, un clima de diálogo e cooperación que hoxe é máis escaso do que precisamos”, explicou.
Sobre o anuario, con datos correspondentes ao ano pasado, Lago-Peñas resaltou que Galicia e España son “illotes de crecemento no conxunto da Unión Europea, crecendo por encima do 2%”. “Non hai países europeos que o estean facendo tan ben como nós”, sinalou sobre “un resultado”, precisou, “que vén de atrás”.
“Exportar e internacionalizar”
“Desde o ano 2000, Galicia está crecendo o mesmo que a economía española a pesar dunha demografía nada favorable”, recalcou para atribuíres os resultados económicos a unhas empresas centradas en “exportar e internacionalizar para buscar clientes fóra”.
Isto fixo, segundo expuxo, que pasase do décimo quinto lugar en relación ao conxunto das comunidades autónomas ao noveno. Con todo, insistiu no aumento da media de idade dos galegos e galegas, que pasou dos 42 en 2000 aos 48 na actualidade.
“Necesitamos que veña xente a Galicia”, dixo en alusión aos inmigrantes e a persoas que queiran “integrarse” na rexión e “traballar aquí”. “Os fluxos que necesitamos son máis grandes dos que recibimos”.
“Referente de crecemento”
O ministro, na súa intervención, apelou a enfocar “as reflexións do anuario para construír consensos”. Foi tras incidir en que é “moi importante pensar a medio prazo e non na inmediatez”.
“Algo fixemos ben como país estes anos e a economía galega é un exemplo diso”, asegurou para indicar que existe unha “desconexión no debate económico entre a realidade e o que se comunica”. “As cifras están aí, Galicia e o conxunto de España estamos moi ben e somos referentes para o crecemento económico”, reiterou.
En canto ao modelo de financiamento autonómico, instou ás comunidades a pensar “no conxunto, con propostas para todo o territorio e tendo en conta a singularidade de cada rexión”. “Pido debate, aceptar matices e cambios e ter propostas”, concretou, ao tempo que fixo un chamamento a “ser solidarios e comprensivos entre todos”.
Pola súa banda, Corgos, en declaracións aos medios de comunicación, destacou que “Galicia segue a súa senda de crecemento estrutural baseado na produtividade a pesar da coyuntura económica de incerteza”. Neste sentido, apuntou que “axudaría contar cunha senda de estabilidade”.
“Atraer capitais”
Así mesmo, no seu discurso, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, sinalou que Europa debe “atraer capitais e talento para revitalizar a industria do noso entorno” e apuntou, para iso, á “colaboración de institucións privadas e públicas e ao mundo financeiro en xeral”.
Á súa vez, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, trasladou que “este porvir que vislumbramos de crecemento demográfico, económico, social e de mellora de servizos públicos necesita unha financiación adecuada”.
Ademais, como vicepresidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), fixo fincapé en que a “financiación autonómica non pode deixar de lado en ningún caso nin diluír a principal urxencia que é a financiación das entidades locais”. As mesmas, segundo denunciou, atópanse nun “estado de estrés permanente e perpetuo”. “É o momento de acadar grandes acordos para remar e traballar xuntos”, concluíu.
Por último, o editor do informe, José Luis Gómez, expuxo que “crecer máis que Europa non pode ser unha casualidade nin o resultado de circunstancias pasaxeiras”. Así, subliñou que “debe ser unha estratexia consciente, baseada na produtividade, na innovación, no capital humano e na estabilidade institucional”.