A patronal galega clausura o proxecto BID4Tenders con máis de 1.200 empresas apoiadas en Galicia e no norte de Portugal
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, sinala que o obxectivo da patronal impulsando programas como o BID4Tenders é que “cada vez máis pemes galegas compitan con éxito no mercado da contratación pública, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”.
Xornada «Oportunidades no Mercado da Contratación Pública na Eurorrexión Norte de Portugal-Galicia». Imaxe: CEG
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) pechou o ciclo de traballo desenvolvido desde principios de 2024 incluído no marco de BID4Tenders, proxecto que apoiou a máis de 1.200 empresas, chegando a duplicar o fito previsto inicialmente. As pemes beneficiarias presentaron máis de 40 propostas a licitacións públicas, cun valor base global que supera os 3 millóns de euros.
O programa BID4Tenders está cofinanciado pola Unión Europea, a través do programa Interreg España-Portugal, e organizado pola CEG, en colaboración coa Associação Empresarial de Portugal (AEP), a Confederação Empresarial do Alto Minho (CEVAL), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Agência para a Competitividade e Inovação, I.P. (IAPMEI).
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, lembrou este xoves na xornada «Oportunidades no Mercado da Contratación Pública na Eurorrexión Norte de Portugal-Galicia» que o obxectivo do proxecto é achegar ás pemes galegas e do norte de Portugal todo o potencial que representa a contratación pública como mercado de crecemento. “Hoxe, podemos dicir que ese obxectivo cumpríuse con creces, e esta xornada é a mellor proba diso: reunimos nun mesmo espazo institucións, empresas e expertos de ambos lados da fronteira para analizar xuntos as oportunidades que este mercado segue a ofrecer”.
Efecto “multiplicador”
Segundo explican desde a patronal galega, por cada euro de investimento público destinado ao proxecto, as pemes beneficiarias puideron acceder a 6 euros en oportunidades de contratación pública, o que evidencia o gran efecto multiplicador do investimento realizado. A iso habería que sumar máis de 20 roadshows (eventos itinerantes) e máis de 10 obradoiros, achegando a contratación pública ás empresas e aos territorios, e reforzando as súas capacidades para competir nos mercados públicos.
“De cada 100 licitacións que se convocan en España, case 8 quedan sen unha soa empresa presentada, e as que si reciben ofertas raramente superan as tres. Ese é precisamente o oco que BID4Tenders quere axudar a pechar: canto máis pemes galegas e do norte de Portugal se atrevan a competir, maior será a competitividade, e iso tradúcese en aforro para o gasto público e en crecemento empresarial”, subliñou Vieites.
O presidente da patronal destacou que o impacto vai máis alá deses dous aspectos. “Cantas máis pemes participen, máis se fortalecerán as relacións empresariais entre Galicia e o norte de Portugal, conectando emprendedores que doutra forma non coincidirían. E esa maior competencia tamén beneficia a quen compra: a administración accede a máis opcións e, con elas, a produtos e servizos de maior calidade. O resultado final é unha eurorrexión máis forte, con empresas máis visibles e mellor posicionadas no mercado europeo”.
“O proxecto BID4Tenders chega ao seu fin, pero o seu traballo non remata aquí. O noso obxectivo, desde a CEG, segue a ser o mesmo: que cada vez máis pemes galegas compitan con éxito no mercado da contratación pública, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”.
Durante a xornada, coñecéronse de primeira man as principais medidas da Estratexia Galega de Contratación Pública Horizonte 2030, coa participación da secretaría da Xunta Consultiva de contratación administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, Elena Barba; as novidades derivadas da recente modificación do Código dos Contratos Públicos de Portugal, presentadas polo asesor da Rede EEN e membro do Grupo Sectorial Aeroespacial e Defensa, Jorge Manuel Silva; así como os resultados do proxecto BID4Tenders, trasladados pola directora do departamento de Inovação da AEP, Céu Filipe; xunto co testemuño directo de empresas que xa deron o paso cara á contratación pública transfronteiriza.
No evento tamén estiveron presentes o presidente da Agência para a Competitividade e Inovação, I.P. (IAPMEI), Nuno Miguel de Brito; o presidente da Confederação Empresarial do Alto Minho (CEVAL), José Luís da Rocha; o presidente da Associação Empresarial de Portugal (AEP), Luis Miguel Ribeiro; e o cónsul xeral de Portugal en Galicia, João Bezerra.