Juan Manuel Vieites, contundente: na patronal galega «agora está todo limpo»
O presidente da patronal galega sinala tras a asemblea xeral que, aínda que seguirá “un pouquiño máis”, non está por manterse no cargo como ocorre nalgunhas confederacións provinciais e lamenta que non veña “savia nova”.
Asamblea CEG
“Estamos moi estabilizados (…) Dende que incidimos nalgunhas cuestións atrasadas económicas, agora está todo limpo”. O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, defende o seu traballo á fronte da patronal tras a asemblea na que aprobou as súas contas e o orzamento para este ano, dotado con 1,56 millóns.
En declaracións aos medios tras a reunión Vieites sinalou que “hai que construír”, este ano con “algúns xestos coas –confederacións– provinciais e as sectoriais”. Sobre a súa continuidade á fronte da organización empresarial non se mostra partidario de “perpetuarse” no cargo
Vieites chegou á presidencia dunha patronal galega dividida tras anos de conflitos internos. En 2025 foi reelixido para un novo mandato de catro anos. “Creo que xa levo tempo aquí. E unha vez que xa se fixeron os deberes pois, ben, imos estar un pouco máis, pero hai que empezar a descansar, porque eu vin para o que vin e o traballo está feito”, respondeu este martes a se se ve con ganas para seguir á fronte.
En todo caso, precisou que “serán as organizacións as que o decidan” e que “o mandato vai ata o 29”, así que “aínda” lle queda tempo.
Ademais, lamentou que non veña “savia nova” e que nalgunhas confederacións provinciais “non sucede o mesmo”, senón que “cámbianse os estatutos para perpetuarse no cargo, etc”.

En todo caso, e sobre a asemblea, valorou que na CEG “segue habendo a unión” que considera “fundamental para poder abordar todos os obxectivos a nivel nacional e internacional”.
Loita contra o absentismo laboral
Sobre un dos grandes obxectivos que se marca a patronal, xunto coa Xunta na actualidade –o combate do que denominan absentismo laboral–, Vieites apostou por “poñer medidas” para reducir datos de “xornadas perdidas”, partindo da idea do dereito a baixa.
Para iso, apostou polo diálogo social, para dar con un “punto medio”, e respectou que CC.OO. decidise sumarse á CIG no plante a este foro coa Xunta. “Cada un é libre de facer a súa estratexia adecuada. Eu, desde logo, falo pola parte empresarial, que non nos imos levantar da mesa”, resolveu.
Clausura da asemblea
No peche da asemblea da CEG participaron o delegado do Goberno, Pedro Blanco, quen defendeu unha “prosperidade compartida” na que o avance das empresas e o benestar dos traballadores camiñen da man.
E tamén interveu a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que estendeu a man ao empresariado para “coidar as bases que sosteñen a economía compostelá e acadar novas metas”.
Pola súa banda, a CEG, a través dun comunicado de prensa, reivindicou que “a empresa volva ocupar o lugar central que lle corresponde en calquera estratexia de progreso económico e social” e engade que Vieites reclamou máis apoio á inversión, á industria, ás infraestruturas e ao emprendemento.