Nordés Club Empresarial fixa a súa estratexia para 2026 e anuncia os seus primeiros premios
A Asemblea Xeral, celebrada o pasado 4 de xuño, avala a xestión da Xunta Directiva e consolida o modelo de dobre dirección á fronte dunha “nova etapa de crecemento”.
A presidenta de Nordés Club Empresarial, Ángeles Ríos Martínez, durante un evento do ciclo Capacita Directivos celebrado no Club (Imaxe: Raúl Lorenzo)
Nordés Club Empresarial aprobou por unanimidade o pasado xoves, 4 de xuño, as contas correspondentes ao exercicio 2025, así como o orzamento para 2026 e a xestión da Xunta Directiva, na Asemblea Xeral Ordinaria na que se puxo de manifesto a evolución positiva do club, que rexistrou un incremento de empresas socias.
Na reunión, na que participou a presidenta do club Ángeles Ríos, tamén se destacou o papel da organización como “un espazo de referencia para o networking, a xeración de oportunidades e a conexión entre persoas empresarias e directivas galegas”.
Un dos aspectos destacados da sesión foi a valoración positiva do modelo de dobre dirección implantado polo club, “unha fórmula que permitiu reforzar a actividade da entidade, impulsar novas iniciativas e mellorar a atención ás necesidades das persoas asociadas”.
“A dirección presentou un balance das principais actividades desenvolvidas durante 2025, entre as que destacan os almorzos empresariais, encontros de networking, cócteles exclusivos, acordos institucionais con outros clubes empresariais de España, así como distintas accións orientadas a fortalecer o ecosistema empresarial vinculado a Nordés”, explican desde a organización.
Tamén se avanzaron as principais liñas estratéxicas para 2026, que apostan por unha programación máis selectiva e de maior impacto, priorizando a calidade dos encontros e “o valor achegado ás empresas que forman parte de Nordés”. Neste sentido, a dirección subliñou o seu compromiso coa escoita activa e a adaptación constante da actividade do Club ás inquedanzas e necesidades das persoas que o compoñen.
Primeira edición dos premios Nordés
Entre os anuncios máis relevantes realizados durante a Asemblea figura a celebración da primeira edición dos Premios Nordés, prevista para o próximo 28 de outubro, coincidindo co quinto aniversario da apertura da sede da entidade. “Estes galardóns nacen co obxectivo de recoñecer a traxectoria, a lideranza e a contribución de persoas, empresas e institucións ao desenvolvemento económico e empresarial de Galicia”.
Doutra banda, anunciouse a creación de grupos de traballo para reforzar a participación das persoas socias e estreitar os vínculos do club coa sociedade e co seu contorno.
“No ámbito económico, as contas auditadas presentadas reflicten estabilidade e continuidade respecto a exercicios anteriores, consolidando unha xestión responsable e sostible que permitirá afrontar os retos de crecemento previstos para os próximos anos”.
A Asemblea concluíu reafirmando o compromiso de Nordés Club Empresarial coa xeración de espazos de encontro, diálogo e colaboración que contribúan ao fortalecemento do tecido empresarial galego e ao impulso de novas oportunidades para as súas empresas socias.