A internacionalización de Galicia: A Coruña e Pontevedra duplican o peso das exportacións no seu PIB desde o 2000
O estudo ‘50 anos de evolución económica, social, empresarial e institucional das provincias en España’ da Cámara de Comercio de España (CCE) e o Consello Xeral de Economistas de España (CGE) analiza, entre outros aspectos, as exportacións e a súa contribución á economía.
Fonte: ’50 anos de evolución económica, social, empresarial e institucional das provincias en España’ da Cámara de Comercio de España (CCE) e o Consello Xeral de Economistas de España (CGE)
Entre 2000 e 2023, as exportacións gañaron relevancia na estrutura económica da maioría das provincias españolas, aumentando de forma significativa o seu peso sobre o produto interior bruto. En Galicia, este avance resulta especialmente intenso nas provincias da fachada atlántica que, de forma agregada, duplican a súa contribución ao PIB. Se se consideran cada un dos territorios, A Coruña pasa de que as exportacións representen o 15% en 2000 ao 45% en 2023, mentres que en Pontevedra o indicador increméntase do 34,5% ao 64,8%.
O estudo 50 anos de evolución económica, social, empresarial e institucional das provincias en España da Cámara de Comercio de España (CCE) e o Consello Xeral de Economistas de España (CGE) publicado este xoves analiza medio século de transformación do país desde a perspectiva das provincias. Un dos moitos aspectos que desgrana é a internacionalización das provincias e a súa contribución á economía española.
Segundo detalla o informe, nas últimas dúas décadas a economía española “volveuse máis aberta”, aínda que non de forma homoxénea. No ano 2000, unicamente unhas poucas provincias alcanzaban niveis de exportación superiores ao 15%, principalmente no norte e ao leste peninsular, fronte á maior parte do interior, con valores máis baixos situados entre o 5 e o 10%. Pontevedra situábase entón como un dos territorios con niveis superiores de exportación, cun 35,9%, xunto a Palencia (50,6%), Álava (39,3%), Valladolid (33,9%) e Navarra (31,2%).
Dúas décadas despois, o escenario é bastante diferente cun mapa no que se aprecia un aumento xeneralizado do peso exportador, que confirma un proceso de apertura exterior. Por unha banda, as provincias que tiñan un especial protagonismo intensifican o negocio exterior –no caso de Pontevedra dúplica ata acadar case o 65%– mentres que aquelas nas que era moito menor, avanzan significativamente “refleixo dunha forte transformación produtiva e dunha crecente inserción en cadeas de valor industriais e loxísticas”, como é o caso de A Coruña, que crece 35 puntos porcentuais, ou doutras provincias como Segovia (+16,4) ou Teruel (13,1).
Por outra banda, só dous territorios, ademais das cidades autónomas, experimentaron neste período un estancamento ou pequeno descenso: Ávila (-3,3 puntos) e Santa Cruz de Tenerife (-0,4).
“Ao analizar a evolución ao longo de todo o período, desagregando as provincias segundo o peso das súas exportacións sobre o PIB, observamos un patrón ascendente claro, sobre todo para aquelas provincias cuxo volume exportador se sitúa entre o 35% e o 40% en 2023. Esta observación coincide coa crecente integración económica, a consolidación do euro desde o inicio do período de estudo e a proxección exterior”.
Tal e como explica o informe, as provincias nas que o volume exportador sobre o PIB se sitúa entre o 40 e o 50%, aprecíase “unha ruptura desta tendencia en 2009” como consecuencia da crise económica deses anos, aínda que nos anos seguintes se produciu un cambio de rumbo cara á recuperación. No caso dos territorios cun volume exportador entre o 35 e o 40%, a ruptura produciuse tras o estoupido da pandemia.
Liderado exportador
Outro dos aspectos que analiza este capítulo do estudo é a participación das provincias nas exportacións no período comprendido entre 1995 e 2024, marcado polo liderado de Barcelona, que só en 2024 exportou uns 74.000 millóns, un 20,3% do volume nacional, á que se suman Madrid (49.000 millóns), Valencia (21.000 millóns) e Pontevedra (15.000 millóns). En conxunto, estas catro provincias concentran o 42,6% das exportacións nacionais.
“Para o resto das provincias, a participación é pouco significativa, a maioría concéntranse en volumes de participación inferiores ao 2,5%. Ademais, a evolución xeneralizada ao longo do período estudado foi a de diminución da participación destas provincias de valores similares”.
Sobre o número de empresas exportadoras, en termos xerais, o estudo subliña a “evolución favorable” ao longo de todo o período, unha tendencia que se viu intensificada entre os anos 2010 e 2011 ata o estoupido da pandemia, momento no que se reduce significativamente.
“A pandemia marcou un punto de inflexión antes de que numerosas provincias alcanzasen o seu máximo histórico. En 2020 produciuse unha forte redución do comercio exterior e da operativa dos negocios; o aumento das empresas exportadoras en 2021 responde, en gran medida, ao rebote posterior ao desplome”.