Radiografía do gasto sanitario en España: Galicia, a metade da táboa con máis de 2.000 euros por habitante

Euskadi e Asturias son as comunidades con maior gasto per cápita nun listado que pecha Andalucía, con 1.658 euros por persoa, segundo o informe “O gasto en saúde en España: Análise e recomendacións” do Foro Económico de Galicia.

Presentación del informe “El gasto en salud en España: Análisis y recomendaciones” del Foro Económico de Galicia

Presentación do informe “O gasto en saúde en España: Análise e recomendacións” do Foro Económico de Galicia. Foro Económico de Galicia

Galicia destinou en 2024 un total de 5.603 millóns ao gasto sanitario público, o que representa un 6,8% sobre o Produto Interior Bruto (PIB). En canto ao orzamento por habitante, o importe ascende a 2.071 euros, o que sitúa a comunidade na novena posición no ranking por comunidades, que encabezan Euskadi e Asturias, con 2.332 e 2.322 euros respectivamente, e que ten á cola Andalucía, con 1.658 euros per cápita. 

Estes datos figuran no informe “O gasto en saúde en España: Análise e recomendacións” do Foro Económico de Galicia, elaborado por Santiago Lago Peñas e Beatriz González López-Valcárcel, presentado este mércores no Congreso dos Deputados, no que se recollen unha serie de propostas a nivel estatal para manter o gasto sanitario público. 

Informe “O gasto en saúde en España: Análise e recomendacións” do Foro Económico de Galicia

Tal e como reflicte o informe, o gasto sanitario está moi descentralizado en España; en 2024 o 93,6% executárono as comunidades autónomas. “Aínda que este porcentaxe aumentou durante a pandemia, debido ás necesidades financeiras dunha parte das solucións implementadas, volveu ao nivel previo”. Nese exercicio o gasto per cápita moveuse nun rango que vai dos 1.568 euros de Andalucía ata os 2.332 euros de Euskadi (+ 41%), un diferencial que “se mantivo estable na última década”. Excluíndo as comunidades forais (País Vasco e Navarra) o diferencial por habitante sería do 40% e marcariano Andalucía e Asturias (2.322 euros).

Factores que explican a diferenza do gasto sanitario

Segundo explican os autores no estudo, a diversidade do gasto débese a tres tipos de factores. O primeiro deles estaría relacionado coa diferencia nas propias necesidades do gasto per cápita xa que non todas as comunidades contan coa mesma estrutura demográfica nin prestan os mesmos servizos en condicións equivalentes. 

Aqueles territorios cunha poboación máis envellecida “a presión sobre o sistema sanitario tende a ser maior, porque aumenta a demanda de atención médica, farmacéutica e de coidados de longa duración”. Tamén inflúe, aínda que en menor medida, o tamaño da poboación. As comunidades con menos habitantes adoitan contar con menos economías de escala na provisión de servizos, algo que “eleva o custo medio e acaba traducíndose nun maior gasto per cápita”. 

O segundo dos factores son os recursos por habitantes que aporta o propio sistema de financiamento de cada comunidade, que condiciona a capacidade do gasto en sanidade. “A evidencia empírica mostra que existe unha correlación negativa entre os recursos por habitante e a proporción do gasto destinada a sanidade. É dicir, as comunidades peor financiadas tenden a dedicar unha parte relativamente maior do seu orzamento aos servizos esenciais, como a sanidade, a educación e os servizos sociais”. 

Por último, o informe sinala que habería que considerar as preferencias políticas e sociais ademais das distintas formas de organización dos servizos públicos. “A diversidade observada no gasto en sanidade non responde a unha única causa, senón á combinación de necesidades, financiamento e preferencias institucionais e políticas”. 

Protagonismo do sector hospitalario

Outra das características do gasto sanitario público en España é a súa progresiva deriva ao ámbito hospitalario. En concreto, os hospitais concentraron o 62% do total mentres que a atención primaria acumulou o 29% restante, do que a metade corresponde ao gasto en medicamentos con receita. “Hai que ter en conta que o gasto en medicamentos de dispensación hospitalaria inclúese no gasto dos hospitais, mentres que, contabilisticamente, o gasto en medicamentos prescritos desde a atención primaria ou ambulatoria contabilízase como gasto farmacéutico, fóra dos orzamentos dos centros de atención primaria”. 

Esta fenda entre ambos porcentaxes foise incrementando progresivamente co paso dos anos. Segundo os datos do Foro Económico, en 2002 o gasto en hospitais era 3,5 veces superior ao da atención primaria, descontando o gasto en medicamentos con receita; en 2024 a ratio é de 4,3. 

“A contención do gasto en medicamentos con receita liberou recursos para o hospital. Axustando por inflación (o IPC aumentou entre 2002 e 2024 un 58,1%), o gasto hospitalario público aumentou un 86%, o da atención primaria un 52% e o dos medicamentos con receita (receitas), apenas un 4%”.

Ademais do uso racional dos medicamentos, a contención do gasto en medicamentos xustificaríase pola gran concentración de innovación farmacéutica nos tratamentos hospitalarios. “Nas décadas previas, algúns medicamentos baixo patente para indicacións moi prevalentes impulsaron o gasto en receitas, como os inhibidores da bomba de protóns ou as estatinas”. 

Recomendacións do Foro Económico

O Foro Económico recomenda “unha maior inversión en políticas transversais de prevención e saúde para manter a sustentabilidade do gasto sanitario público en España”. “Conseguir que o envellecemento poboacional se converta nunha lonxevidade saudable, a aposta pola innovación tecnolóxica e as melloras na organización asistencial son tres dos grandes retos políticos para que o gasto sanitario público sexa máis efectivo”, sinalou Beatriz González López-Valcárcel (Universidade de Las Palmas de Gran Canaria) durante a presentación do estudo no Congreso. 

Por outra banda, Santiago Lago-Peñas (Universidade de Santiago) destacou a importancia de avanzar na reforma do sistema de financiamento autonómico “para corrixir situacións de infrafinanciamento estrutural nalgunhas comunidades e mellorar a suficiencia global para afrontar tensións persistentes”.

O 74% do gasto sanitario en España é público e o 26% privado, tal e como recolle o documento, que lembra ademais que “o gasto sanitario creceu un 56% entre 2014 e 2024”, cun aumento destacado do gasto nos servizos de Urxencias (subida do 19%).

Outros datos 

Segundo simulacións da OCDE, se España reducise a prevalencia dos principais factores de risco ata o nivel do mellor cuartil de países, a aforro potencial anual alcanzaría uns 4.278 millóns de dólares.

As prioridades son a obesidade e o sedentarismo, o tabaquismo, a dieta pouco saudable e a contaminación atmosférica. Investir en prevención non é un gasto complementario ou discrecional, senón unha estratexia central para a sustentabilidade fiscal e sanitaria do SNS.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp