Ánxeles Vázquez chama a protexer os océanos polo seu papel “clave contra” o cambio climático
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático lembra que os océanos absorben preto do 23% das emisións anuais de dióxido de carbono ademais dunha boa parte do exceso de calor causado polo quecemento global.
A conselleira Ángeles Vázquez participa nunha iniciativa de limpeza de praias polo Día dos Océanos. Xunta
Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, fixo un chamamento este luns apelando á “responsabilidade” para preservar e coidar os océanos ao seren “elementos clave” para avanzar na loita contra o cambio climático e mitigar os seus efectos.
Así o apuntou durante a súa intervención na iniciativa A Gran Corrente, organizada por We Sustainability, Mar de fábula e FEMÜR para conmemorar o Día Mundial dos Océanos en Galicia cunha gran acción de limpeza colectiva e sensibilización social nas praias coruñesas de Riazor, Orzán e O Matadoiro. Vázquez lembrou que os océanos, que cobren arredor do 70% da superficie terrestre e albergan preto do 80% da biodiversidade mundial, absorben preto do 23% das emisións anuais de dióxido de carbono ademais dunha boa parte do exceso de calor causado polo quecemento global.
“Necesitamos do mar e necesitamos dos océanos”, destacou a conselleira, que fixo fincapé na importancia do mar no caso concreto de Galicia, con 2.555 quilómetros de costa e unha actividade social e económica moi ligada e dependente do mar.
Neste sentido, Ánxeles Vázquez destacou a importancia de accións como a retirada de residuos organizada en varias praias da Coruña e na que participan centos de nenas e nenos, unha iniciativa da que reivindicou, sobre todo, o seu “valor educativo” e de concienciación.
Once millóns de toneladas de residuos plásticos
A conselleira lembrou que cada ano chegan aos océanos arredor de 11 millóns de toneladas de residuos plásticos, unha das “principais ameazas” para a biodiversidade mariña e para a conservación dos ecosistemas costeiros. Arredor do 80% dos refugallos mariños teñen a súa orixe en actividades desenvolvidas en terra.
Por iso, Ánxeles Vázquez lembrou que o futuro dos océanos pasa por loitar contra a contaminación e promover o respecto e a conservación do medio mariño entre todos, unha “responsabilidade compartida” que, dixo, require do compromiso activo das administracións públicas, empresas, entidades sociais e cidadanía.