Un xulgado de Ferrol arquiva a denuncia por agresión sexual contra o exconselleiro Alfonso Villares.
O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol dá por concluídas as dilixencias de investigación, acorda que non hai lugar ao procesamento e eleva o caso á Audiencia Provincial.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta, abraza ao xa exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, que dimitiu do seu cargo tras unha investigación por unha denuncia por agresión sexual. Foto: Europa Press
O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol arquivou a denuncia por agresión sexual contra o exconselleiro do Mar Alfonso Villares (PP) ao concluir o sumario sen procesamento.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) este luns, o xulgado deu por concluídas as dilixencias de investigación e acordou que non hai lugar ao procesamento.
Desa maneira, declara concluso o sumario e eleva o caso á Audiencia Provincial, órgano xudicial que deberá confirmar ou revogar a decisión da instrutora.
Dimisión en xuño
Alfonso Villares presentou a súa dimisión á fronte do departamento autonómico do Mar nunha comparecencia urxente convocada en San Caetano, a sede central do Goberno galego, o pasado mes de xuño. Afirmou entón que dimitía para poder “defenderse” en mellores condicións ante unha acusación da que se declarou “totalmente inocente”.
O día seguinte á súa dimisión, no cal Marta Villaverde tomou posesión como nova conselleira do Mar, Villares foi arroupado no acto por todo o Goberno galego co seu presidente, Alfonso Rueda, á fronte, con quen se abrazou. Alí, o titular do Executivo autonómico desexou que “se faga xustiza canto antes” con Villares para “poder recuperalo para a vida pública“.
Ese mesmo 5 de xuño, Rueda revelou que coñecía desde febreiro a denuncia contra Villares. “No mes de febreiro, o exconselleiro Alfonso Villares comúnicame que recibe unha chamada á comisaría de Ferrol onde di que hai unha denuncia contra el e se desexa prestar voluntariamente declaración. El acode, presta esa declaración, coméntame que é por unha denuncia por uns feitos que aconteceran un par de meses antes”, relatou entón en declaracións aos medios.
A dimisión de Villares produciuse en xuño tras notificación sobre a súa imputación por unha suposta agresión sexual.