A Competencia investiga a matriz e 12 sociedades de Monbus por posibles amaños no bus escolar da Coruña
A autoridade galega de competencia rexeita outros dous recursos do grupo contra o expediente sancionador aberto polas adxudicacións do autobús escolar na Coruña, así como o dunha das empresas que se aliou con Monbus para competir por dous lotes.
Autobus de la compañía Monbus / Monbus
A tentativa de Monbus para pechar o expediente sancionador aberto nas súas adxudicacións dos contratos do autobús escolar da Coruña recibiu a negativa da Comisión Galega da Competencia, que desestimou un tras outro os recursos presentados por unha longa lista de filiais do grupo e pola propia matriz, Transmonbus. As últimas resolucións feitas públicas polo organismo que preside Ignacio López-Chaves desestiman, precisamente, as impugnacións realizadas por Grupo Autocares Monbus e por Transmonbus, ademais de por unha empresa que competiu polos contratos de dous lotes en alianza coa compañía de Raúl López, Autos Comparado.
Non sorprende a conclusión do organismo galego de competencia, pois mantén a mesma postura que nos anteriores recursos desestimados á empresa. Entende que neste punto do procedemento, só un caso de indefensión ou dano irreparable pode plantexar o peche do expediente, polo que non entra noutro tipo de argumentos esgrimidos por Monbus. Previo informe da Subdir (Subdirección de Investigación), o pleno descarta a indefensión, ao entender que a apertura do expediente materializa o dereito da empresa de ser informada do contido da acusación; e constata que non hai alegacións de dano irreparable no recurso presentado, polo que segue adiante coa investigación.
A investigación chega á matriz
Tanto Transmonbus como Autocares Monbus introducen unha impugnación nova respecto ás outras filiais do grupo, pois argumentan que non interviñeron no concurso, non formaron parte das UTEs e nin sequera teñen como actividade o transporte de viaxeiros. Pero Competencia non entra nestas consideracións, que deberían, ao seu xuízo, plantexarse unha vez resolto o expediente, pero non neste punto do procedemento.
Transmonbus é a sociedade que exerce como cabeza de consolidación e detén a participación maioritaria ou é socio único na maior parte de filiais do grupo. Autocares Monbus funciona como prestadora de servizos e, á súa vez, controla o 66% de Transmonbus. O resto, está en mans de Abanca.
A inclusión destas sociedades no expediente sancionador supón que a investigación por posibles prácticas colusorias nun dos concursos máis importantes da Xunta en materia de transporte –o outro é o das liñas regulares de viaxeiros por estrada– é máis ampla do previsto e afecta á matriz e a 11 filiais, ademais de a Autocares Monbus, a sociedade coa que Raúl López controla a maioría accionarial do grupo. As filiais son Rías Altas, Autos Arcade, Auto Industrial, Castromil, Eleuterio López, Empresa Monforte, Gala, Luber, Gómez de Castro, Hispano Igualadina e A Unión.
Máis de 4 millóns en contratos
As resolucións desestimatorias dos recursos de Transmonbus e Grupo Autocares Monbus detallan que os lotes investigados no expediente son o 13, o 17 e o 21, todos na provincia da Coruña. O primeiro foi adxudicado á UTE liderada por Monbus por 1,18 millóns; o segundo por 1,6 millóns e o terceiro por 1,4 millóns. O valor conxunto, polo tanto, sitúase nos 4,2 millóns, pero en realidade é maior, debido á prórroga de dous anos que prevían os contratos e que prolongan a prestación do servizo por parte do adxudicatario.
Autos Dosil, Hermanos Ferrín, Maceiras Suárez ou Autos Comparado formaron alianza con Monbus para a consecución destas liñas.