A sueca Eurobattery comeza as obras para a mina de wolframio de A Gudiña
A explotación a ceo aberto, da que se espera extraer unhas 60.000 toneladas, iníciase cos primeiros movementos de terra e cunha nave de servizos na parroquia de Pentes.

La minera sueca Eurobattery Minerals inicia los trabajos para extraer wolframio en A Gudiña – EUROBATTERY
A mineira sueca Eurobattery Minerals comezou os traballos para extraer wolframio no concello de A Gudiña (Ourense). A compañía iniciou co movemento de terras e tamén instalou unha nave de servizos na parroquia de Pentes. Nun comunicado, a filial que promove a explotación, Tungsten San Juan, indica que “a posta en marcha da mina supón un fito para o sector mineiro español ao ser a segunda explotación activa do país dedicada ao wolframio, un metal crítico para a transición enerxética e tecnolóxica europea”.
O grupo nórdico xa opera a mina de Barruecopardo (Salamanca), e impulsa en Castela-A Mancha o proxecto El Moto en Abenójar, declarado estratéxico pola Unión Europea.
Unha posición “estratéxica”
Di Eurobattery que a parroquia de Pentes, en A Gudiña, está “nunha posición estratéxica dentro da cadea de subministración de materias primas críticas en Europa”, nun “contexto marcado pola guerra comercial aberta a nivel internacional e por unha alta dependencia de China, que concentra o 80% da produción mundial”. Ademais, pon en valor que Galicia se incorpora con este proxecto a un reducido número de territorios con explotacións activas de wolframio, e “fortalece, así, a autonomía estratéxica de Europa fronte á volatilidade dos mercados internacionais e o papel de España como produtor de materias primas críticas”, asegura a empresa.
Desde 2016, a empresa Tungsten San Juan levou a cabo campañas de investigación xeolóxica, sondaxes, estudos de viabilidade e a construción de accesos e instalacións auxiliares, ademais da adquisición de maquinaria. Todo iso baixo a supervisión da Xunta de Galicia, “co cumprimento máis estrito da normativa medioambiental”. En total, a inversión acumulada desde 2015 achégase aos dous millóns de euros, segundo calcula a compañía.
Preparando o terreo
Os primeiros traballos céntranse na mellora de infraestruturas e na retirada de materiais estériles e mineral mediante escavadoras e camións. A explotación, a ceo aberto, non require voladuras. O proxecto contempla unha planta piloto con tecnoloxía gravimétrica para a que se levantou unha nave. A mina conta con reservas dunhas 60 000 toneladas de mineral. “A lei media de wolframio (WO3) é do 1,3%, un valor elevado que reforza a viabilidade económica da explotación e a súa posición como un dos xacementos máis relevantes deste tipo en Europa”, engade.
O wolframio, tamén coñecido como tungsteno, empregase para a metalurxia, a electrónica ou a defensa ata a enerxía eólica, a solar e a mobilidade eléctrica. Galicia contou en San Finx cunha explotación histórica deste material, con xacementos que xogaron un papel clave na Segunda Guerra Mundial.
O equipo de Eurobattery
O proxecto conta coa dirección de Roberto García Martínez, director executivo de Eurobattery Minerals e membro do seu Consello de Administración desde 2019. Con máis de 25 anos de experiencia na industria mineira internacional, liderou compañías en Europa e África, e conta con formación en Dereito, Economía e Psicoloxía Industrial.
A xestión operativa está nas mans de Agne Ahlenius, director xeral de Tungsten San Juan, con máis de 35 anos de experiencia internacional en operacións mineiras a ceo aberto e subterráneas. Ocupou postos de alta responsabilidade en compañías de referencia e foi CEO da mina de wolframio de Mina de Barruecopardo.
Eurobattery Minerals AB é unha empresa mineira con sede en Suecia, cotizada no Nordic Growth Market (BAT) e na Börse Stuttgart (EBM). A compañía desenvolve proxectos de níquel, cobalto, cobre e wolframio en Europa, con operacións en Finlandia e España, co obxectivo de reducir a dependencia fronte a países como China e Congo.