Cisma laboral en Lonia: a CIG prepara máis protestas tras denunciar «bloqueo» e «ameazas»
O sindicato acusa á dirección de Textil Lonia de "romper unilateralmente as negociacións" e pide "salarios xustos e condicións laborais dignas".
Xornada de folga do persoal da fábrica de Textil Lonia, que se concentra diante dunha tenda de Purificación García en Ourense. Foto: CIG
Máis protestas á vista en Textil Lonia. A CIG acusou á dirección da empresa galega Textil Lonia de “romper unilateralmente as negociacións” cos traballadores e alertou que manterá as protestas na cidade para esixir melloras salariais.
Segundo o sindicato, a compañía que capitanea Jesús Domínguez “afirma que a única alternativa que se lle deixa é non continuar negociando”. “A dirección opta por romper o diálogo e sinalar ás traballadoras, chegando incluso a criminalizar a mobilización sindical”, expuxo a CIG a través dun comunicado.
É por iso que o sindicato esixiu á empresa a “inmediata reactivación” das negociacións, a “abandonar o bloqueo e as ameazas” e a “sentarse a negociar con seriedade e respecto”, partindo da “contraproposta presentada pola parte social”.
“Mentres non exista unha negociación real, as mobilizacións continuarán, porque as traballadoras merecen salarios xustos e condicións laborais dignas. Porque non existe elegancia se non se trata con respecto ás traballadoras. Non hai luxo sen dereitos”, engadiron.
Desto xeito, enquístase o conflito laboral no grupo con base de operacións en Pereiro de Aguiar. Os traballadores da empresa retomaron o pasado mércores as protestas fronte ás tendas de Carolina Herrera e Purificación García en Ourense para esixir melloras salariais, avisando de concentracións durante os días 21, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xaneiro, e durante o 2, 3, 4 e 6 de febreiro, despois das xornadas de folga celebradas o pasado mércores e xoves.