A concesionaria da autoestrada entre Santiago e Ourense volve a beneficios tras refinanciar 120 millóns de débeda.
A compañía alcanzou no pasado exercicio unha cifra de negocios de 14,78 millóns, case un 7% por riba dos 13,83 millóns do ano anterior, e uns beneficios de 1,16 millóns fronte ás perdas de 57 millóns coas que despedíu o 2024.
Treito da Autoestrada Central Galega, Acega, en mans de Globavia e que une Santiago con Ourense. Foto: Acega
Autoestrada Central Galega despídese dos números vermellos. A concesionaria da AP-53, a autoestrada entre Santiago e Ourense, volveu a beneficios no pasado exercicio despois de que Globalvía, que controla o 94,42% do capital, asinase con Abanca, Sabadell, Caixabank e Kutxabank a refinanciación de 120 millóns de débeda bancaria tras pechar o 2024 con unhas perdas de 57 millóns e un patrimonio neto negativo de 12,83 millóns.
Segundo figura nas contas depositadas no Rexistro Mercantil, consultadas por Economía Dixital Galicia a través da plataforma einforma, a compañía alcanzou no pasado exercicio unha cifra de negocios de 14,78 millóns, case un 7% por enriba dos 13,83 millóns do ano anterior. O resultado de explotación, o propio da actividade da empresa mantívose arredor dos 6,5 millóns de euros (6,41 en 2024) mentres que os beneficios ascenderon aos 1,16 millóns.
O patrimonio neto deixou o saldo negativo de case 13 millóns para situarse en case 37 millóns, mentres que os activos recortáronse dos 286,61 millóns de 2024 aos 283,66 millóns.
Refinanciación de 120 millóns
“O 31 de decembro de 2024, a débeda subscrita o 18 de novembro de 2016 (…) atopábase en proceso de financiamento. Como parte deste proceso, as partes acordaron unha extensión do vencemento da débeda mediante a sinatura dun acordo “standstill” por un período inicial dun mes, prorrogable mensualmente ata o 31 de marzo de 2025”, explica a memoria.
En febreiro do ano pasado Globalvía pechou un novo contrato financeiro por importe de 120 millóns con vencemento o 31 de decembro de 2029 con Abanca (45 millóns), Caixabank (45 millóns), Banco Sabadell (20 millóns) e Kutxabank (10 millóns), e cunha taxa de interese do euribor máis 1,9 puntos.
Explica tamén a memoria que, para completar a amortización da débeda pendente de Acega, o accionista Tacel Inversiones, sociedade instrumental de Globalvía Inversiones, realizou unha achega de fondos de 47,59 millóns de euros”. Tamén no mes de febreiro produciuse unha cesión a favor de Acega dun crédito que tiña Globalvía Inversiones por un importe de 29,06 millóns; “durante o exercicio, capitalizáronse intereses por importe de 3.341.720 euros”.
Tras este proceso de refinanciación, o fondo de manobra da sociedade presentaba un saldo positivo de 10,51 millóns de euros ao 31 de decembro de 2025, polo que “presumiblemente poderá atender as súas obrigas a curto prazo”. Trátase dun escenario moi diferente ao dun ano antes, cando rexistraba un fondo de manobra negativo de 160 millóns de euros debido á clasificación como pasivo corrente da débeda que vencía ese exercicio, que incluía obrigas por 99,2 millóns de euros e débedas con entidades de crédito por outros 74,4 millóns.
Recaudación da AP-53
“A Sociedade con este exercicio cumpre vinte e tres anos en explotación e vinte e seis desde o seu nacemento, sendo este no que completa o seu vixésimo primeiro ano de actividade coa totalidade dos tramos da autoestrada postos en servizo”. En 2025 a autoestrada rexistrou en 2025 unha intensidade media diaria de 6.618 vehículos –un 6,5% por enriba da rexistrada no exercicio anterior– cun predominio dos lixeiros, que representaron o 93,31% do tráfico, fronte ao 6,69% de pesados.
O ano pasado a recadación por peaxes (sen IVE) da AP-53 alcanzou os 14,78 millóns, un 6,85% por enriba da rexistrada no exercicio anterior. Sobre os sistemas de pago utilizados na autoestrada, “o uso de medios electrónicos continúa a súa tendencia á alza, alcanzando durante o ano un 85,71% dos ingresos por tránsitos fronte ao 14,28% da recadación en metálico”.
Previsión para 2026
No seu informe de xestión, Acega sinala que a modificación da concesión aprobada polo Goberno en 2025 incorporou un novo sistema de bonificacións nos peaxes da AP-53 para usuarios recorrentes e colectivos que utilizan de forma intensiva a autoestrada. A concesionaria sostén que estas medidas, aliñadas coas aplicadas noutras vías estatais como a AP-9, non alteran a viabilidade económica da explotación.
Ademais, lembra que 2026 será o último exercicio no que estará vixente o mecanismo extraordinario polo que o Estado asume parte das revisións de tarifas das autoestradas de peaxe, implantado para amortecer o impacto da inflación. De cara a este exercicio, a sociedade confía en que o tráfico continúe a senda de crecemento rexistrada en 2025.