O ‘xefe’ da mina de Doade pon data á súa apertura e reivindica o potencial de Galicia co litio e o cobre.
José Luis Corbacho, director da mina de Doade, avanza que o xacemento podería explotarse máis alá dos 42 anos previstos no caso de que se descubran "máis reservas de litio a unha maior profundidade" e asegura que o obxectivo é que estea en desenvolvemento antes de 2030.
Proyecto para la mina de litio de Doade en Beariz (Ourense) / Samca
O director do proxecto de apertura da mina de Doade desvela as claves do proxecto. José Luis Corbacho avanzou este martes ao remate dun acto en Santiago de Compostela que o obxectivo é “tentar que antes do ano 2030 estea en desenvolvemento, cunha posta en marcha”, aínda que cre que ata esa data “non funcionará case”.
Deste xeito, contaría cun horizonte de funcionamento de 42 anos que podería ampliarse se se descobren “máis reservas de litio a unha maior profundidade”. Corbacho subliñou que desde Samca (promotora do proxecto) están á espera da declaración de impacto ambiental. “Logo teriamos que definir o proxecto a nivel constructivo. Habería que comezar pola mina, polas labores mineiras e iso levaría aínda un par de anos ou tres”, recalcou.
Neste sentido, Corbacho explicou que o proxecto -que foi declarado estratéxico pola Comisión Europea- ten unha duración prevista de 42 anos, con 12 millóns de reservas que serían explotadas a un ritmo de aproximadamente medio millón de toneladas ao ano. Espera que xere uns 120 postos de traballo, “aínda que seguramente se creen máis postos indirectos” polos servizos que necesitará a mina durante esas catro décadas.
Con todo, remarca que o seu funcionamento “podería durar máis”, xa que hai niveis de profundidade maiores que non están totalmente investigados por limitacións técnicas”. “É posible que a mellor haxa máis reservas de litio a unha maior profundidade”, suxire.
O potencial mineiro de Galicia
Sobre este punto, José Luis Corbacho apuntou que o litio é un “elemento básico” para a fabricación de baterías e, desta maneira, para a fabricación dos elementos que permiten facer unha conversión da enerxía térmica cara á enerxía eléctrica.
“É dicir, fuxir un pouco dos combustibles fósiles e utilizar as baterías como fonte de almacenamento de enerxías procedentes das renovables”, concretou.
Ademais, o director do proxecto de apertura da mina de Doade destacou a posición de Galicia, afirmando que a comunidade “ten unhas formacións xeolóxicas que derivaron na presenza de concentracións de minerais de litio ou cobre -como na mina de Touro- que non hai en outras rexións do país”.
Con respecto á posibilidade de que poidan xurdir nos próximos anos novos proxectos autonómicos, Corbacho asegurou que “habería que facer máis investigación e existir unha maior aceptación tanto a nivel social como permitting do que é a administración”.
Así mesmo, no seu caso apuntou que aínda que sempre están interesados en proxectos mineiros, son “moi custosos de poñer en marcha a nivel administrativo, social e polas esixencias tecnolóxicas que non son fáciles de conseguir”. “Practicamente o 70% do litio que se está manexando a nivel mundial provén de China e da tecnoloxía que eles foron desenvolvendo durante os últimos 20 ou 30 anos. Pasáronnos pola dereita, como se adoita dicir”, concluíu.