Actualizado
Os transportistas loitan pola AP-9 e recorren ante o Supremo a negativa do Goberno a revisar as prórrogas
Apetamcor reclama a nulidade das prórrogas concedidas polos Gobernos de González e Aznar ao entender que supuxeron modificacións substanciais da concesión.
Recorrido da AP-9 ao seu paso pola Ponte de Rande
A asociación galega que representa a pemes e autónomos do transporte de mercadorías por estrada, Apetamcor, anunciou este sábado que recorrerá ante o Tribunal Supremo (TS) a decisión do Consello de Ministros do pasado 2 de decembro de 2025 de non admitir a súa solicitude para revisar de oficio as prórrogas da Autopista do Atlántico, a AP-9.
A decisión foi aprobada na xunta directiva de Apetamcor este sábado, xornada na que compareceron ante os medios o presidente da entidade, Javier Adolfo González; a directora xeral, Natalia Blanco, así como a secretaria xeral, Myriam Otero, xunto ao avogado Xoán Pérez Lema, responsable da representación legal da asociación neste contencioso.
Apetamcor reclama a nulidade das prórrogas concedidas polos gobernos de Felipe González en 1994 e de José María Aznar en 2000 ao considerar que supuxeron unha modificación substancial da concesión da autopista.
Nulidade das prórrogas
E é que, conforme sinalou Myriam Otero, esta infraestrutura supón “un eixe estratéxico” para o sector do transporte e implica uns “custos moi elevados”, que fan que os transportistas opten polas vías nacionais, o que implica “moito máis risco para a seguridade viaria”.
Nesta liña, Natalia Blanco, que sostivo que hai “xurisprudencia que avala a decisión tomada pola xunta directiva” e incidiu nas “importantes consecuencias económicas” que tiveron para o sector estas dúas prórrogas da concesión. Ademais, lembrou aos transportistas a necesidade de que garden toda a documentación relativa ao pago de peaxes.
Proceso
Na súa intervención, Pérez Lema lembrou que a asociación presentou o pasado 5 de agosto a súa solicitude de revisión de oficio destas prórrogas, que foi inadmitida a trámite, unha decisión que este luns recorrerán mediante a presentación dun recurso contencioso administrativo no Tribunal Supremo.
O avogado Xoán Pérez Lema sostivo que as prórrogas supuxeron unha modificación substancial da concesión da autopista que supuxo unha ruptura da igualdade de trato prohibida polo Tribunal de Xustiza da UE (TJUE).
“Este tipo de modificacións substanciais, cando se lles dá moitísimo máis tempo sen sacar un recurso público, un proceso de concorrencia competitiva, supón unha vulneración da igualdade de trato e vai contra os tratados constitutivos da Unión Europea“, sinalou.
Así mesmo, lembrou que o tratado de constitución da Unión Europea é aplicable no Estado español desde o 1 de xaneiro de 1986, polo que inclúe “perfectamente o tempo das dúas prórrogas”, que non estaban nin previstas na lei de autopistas de 1972, que rexía cando se adxudicou a AP-9 en 1973, nin tampouco estaba prevista en “ningún tipo de normativa regulamentaria nin na propia carta da concesión”.
Ademais, incidiu en que tampouco se daba outra causa de modificación substancial como sería un “acontecemento imprevisible que obrigase a decisións do sector público inescusables”.
Dictame da Comisión Europea
Pérez Lema tamén se referiu ao dictame da Comisión Europea do pasado mes de xullo, que, segundo lembrou, apremiaba ao Goberno do Estado a resolver esta situación ou enfrontarse a un recurso por incumprimento ante a TJUE, que é “o que previsiblemente fará nos próximos meses”.
Así as cousas, incidiu en que “non se pode esperar” a esta resolución toda vez que, na súa opinión, é unha cuestión que xa debe apreciar o propio Consello de Ministros e declarar a nulidade mediante o proceso de revisión das prórrogas, como Apetamcor pediu o pasado 5 de agosto e o Goberno rexeitou este mes de decembro.
Informe de Carlos Aymerich
No recurso, ademais, integrarán un informe elaborado polo profesor da Universidade da Coruña (UDC) Carlos Aymerich no que se sinala que a resolución do Consello de Ministros foi adoptada prescindindo do procedemento legalmente establecido.
Ademais deste procedemento de reclamación da nulidade das prórrogas, Apetamcor lembra que tamén está loitando pola devolución dos peaxes cobrados indebidamente, especialmente no tramo de Rande, durante as obras de ampliación desta infraestrutura.