Reganosa opera xa nos cinco continentes tras pechar o seu primeiro contrato en Australia.
A súa división de servizos encárgase da operación e mantemento da parte terrestre da terminal enerxética de Port Kembla, en Nova Gales do Sur.
Proxección de como quedará a terminal de Port Kembla, no estado australiano de Nova Gales do Sur, que operará Reganosa tras adxudicarse un contrato de mantemento. Imaxe: Reganosa
Reganosa amplía a súa expansión internacional e consegue operar xa nos cinco continentes tras a súa última operación. A súa división de servizos conseguiu facerse co contrato para realizar a operación e mantemento da parte terrestre da terminal enerxética de Port Kembla, no estado australiano de Nova Gales do Sur.
A dona da regasificadora de Mugardos explica que tras un proceso de selección internacional, a filial Reganosa Servizos foi elixida por Squadron Energy, empresa 100% australiana líder en enerxías renovables, para este contrato, que terá unha duración inicial de cinco anos, con opción de prórroga por outros tres.
En concreto, Squadron Energy confiou a Reganosa Servizos a xestión integral das instalacións terrestres do complexo: estación de medida, sala de control, sistemas auxiliares e equipos asociados ao atraque e transferencia de gas natural licuado (GNL).
“Modelo de primeiro nivel”
En un comunicado, o grupo enerxético destaca que a planta da que pasa a facerse cargo é considerada “un modelo de primeiro nivel” en terminais flotantes de almacenamento e regasificación (FSRU).
Esta infraestrutura conectaráse á rede de transporte para cubrir ata un 70% da demanda do mercado do Leste do país e atender os picos de consumo. A FSRU pode almacenar 170.000 metros cúbicos de gas natural licuado (GNL) e a terminal ten unha capacidade de regasificación de 130 petaxulios (Pjs) ao ano, o que equivale a un máximo de 3,61 miles de millóns de metros cúbicos anuais ou 36.000 GWh.
O obxectivo desta planta é apoiar o subministro de gas nacional, reforzar a seguridade de subministro e apoiar a transición enerxética do país. A terminal está conectada mediante un gasoduto de 12 quilómetros e 18 polgadas de diámetro.
Alianza
A finalidade da terminal de regasificación de Port Kembla é consolidarse como a solución á inminente escaseza de gas na costa Leste de Australia. A alianza de Reganosa e Squadron Energy, destacan ambas empresas, une “a experiencia global e o compromiso local” e busca garantir “un subministro de gas fiable para o mercado oriental, ao tempo que quedan sentadas as bases para un sistema enerxético flexible, competitivo e sostible”.
Por súa parte, Reganosa destaca a súa “experiencia acumulada en Asia e a flexibilidade do seu modelo operativo” como factores clave para entrar no mercado australiano e dar soporte a Squadron Energy, o que subliña que impulsa a súa estratexia de expansión rexional e consolida o seu “rol de referente mundial” na xestión de infraestruturas enerxéticas.
Mentres que Squadron Energy conta con 2 gigavatios (GW) de enerxía renovable en funcionamento e en construción, Reganosa intégrase nun grupo que opera ou tutela activos básicos para a seguridade do subministro nos cinco continentes. É propietaria e operadora da terminal de gas natural licuado de Mugardos, na provincia da Coruña, e posúe un 25% do Musel E-Hub, en Xixón, ademais de promover proxectos de almacenamento enerxético, renovables, economía circular, hidróxeno verde, eficiencia enerxética e dixitalización.