Actualizado
Rodríguez Cebrián e Dolores Ortega, sobriña do fundador de Inditex, recortan ganancias co ladrillo e as discotecas
Marlolan, o holding máis voluminoso do matrimonio, gaña 4,7 millóns, un 6,5% menos, e Inversiones Saona, que controla o negocio de lecer nocturno, reduce un 48% os beneficios.
O empresario Juan Carlos Rodríguez Cebrián (c) asiste á Xunta Xeral dos socios do Deportivo da Coruña. EFE/Cabalar
O matrimonio formado por Juan Carlos Rodríguez Cebrián, exdirector xeral de Inditex, e Dolores Ortega, sobriña do fundador da multinacional téxtil, pechou un ano á baixa en canto aos beneficios obtidos co negocio inmobiliario, as inversións financeiras e os locais de lecer nocturno, que conforman o groso da actividade dos holdings da familia. O máis voluminoso é Marlolan, do que penduran catro inmobiliarias e unha sociedade de investimento, e que sumaba ao peche do pasado exercicio 185 millóns en activos, cinco millóns máis que un ano antes. O grupo engordou, pero gañou menos diñeiro, pois acabou o curso con 4,6 millóns en ganancias, unha caída do 6,5% en comparación co exercicio anterior.
De Marlolan penduran as inmobiliarias Altramud, Valoria de Inmuebles, Saite e Hotel del Peregrino, que é titular do hotel compostelán do mesmo nome e que opera o grupo de Amancio López coa marca EXE Hotels. Tamén está integrada no holding Vivero de Inversiones, a antiga sicav do matrimonio, caída en combate tras a reforma normativa do Goberno para poñer coto aos mariachis, cando superaba os 20 millóns de patrimonio.
Destas sociedades, foi precisamente Vivero a que tivo un exercicio máis positivo, ao acadar un resultado positivo de 3,1 millóns. Saite, titular da concesión do mercado e o aparcadoiro da Praza de Lugo da Coruña, xerou 1,9 millóns de beneficio; Inmobiliaria Altramud conseguiu ganancias de 1,8 millóns; o Hotel Peregrino pechou con 521.000 euros de beneficio derivado do aluguer que paga Hotusa; e Valoria rexistrou números vermellos, aínda que de pequeno importe.
As inversións financeiras, concentradas en tres sociedades de capital risco e unha sociedade de investimento colectiva de tipo pechado, alcanzaban ao final do exercicio os 5,7 millóns, tras acadar unha importante revalorización con respecto a 2024, cando se situaban nos 3,4 millóns. Rodríguez Cebrián e Dolores Ortega gañaron menos, pero non lles foi mal, xa que o patrimonio de Marlolan medrou.
O lecer nocturno
O plan do matrimonio para mover o diñeiro que atesouraron en Inditex pasa polos inmobles residenciais, os hoteis, os aparcadoiros ou o capital risco. No conglomerado de sociedades que rodean aos seus brazos investidores hai tamén un negocio singular, que Rodríguez Cebrián urdiu xunto a Luis Diz, presidente da asociación de hostaleiros Galicia Noite: o lecer nocturno.
Inversiones Saona, outro holding do tándem, xestiona as súas participacións nos locais nocturnos do porto da Coruña, coa sala El Pelícano como espazo máis coñecido, aínda que tamén entrou no DUX ou o Amura. Con 20 millóns en activos, Saona obtivo uns beneficios de 740.000 euros en 2025, a metade que o ano anterior.
No balance influíu tamén o negocio inmobiliario, pois o holding ten a participación maioritaria de Dricar, San Ginés e Inversiones Peroxa, que combinan as inversións en ladrillo con outras no ámbito forestal ou de carácter exclusivamente financeiro. Todas estas sociedades acabaron en perdas o ano pasado, aínda que con importes pequenos, pois os números vermellos non alcanzaron nin o medio millón de euros de xeito conxunto. Si que gañou diñeiro El Pelícano Galicia, a sociedade que controla a discoteca coruñesa, con 1,3 millóns de beneficio. Rodríguez Cebrián e Dolores Ortega controlan o 20%. Tamén cabe mencionar que a inmobiliaria Álvarez, Conchado e Reysa, na que participan tanto Marlolan como Saona, achegou case un millón de euros de beneficio.
As vellas sicavs
Comparando a constelación de sociedades da sobriña de Amancio Ortega, filla de Primitiva Renedo, e do exdirector xeral de Inditex, as que presentaron un mellor resultado foron as dúas antigas sicavs: a xa mencionada Vivero e os seus 3,1 millóns de beneficio; e Silleiro de Inversiones, tamén unha sociedade de investimento de capital variable transformada, que obtivo un resultado positivo de 2,4 millóns.