Sandra Ortega duplica o patrimonio que herdou de Rosalía Mera grazas a Inditex tras 13 anos sen a cofundadora de Zara
O grupo da primeira muller de Amancio Ortega deu un xiro coa crise de Room Mate, a transformación da sicav Soandres e a ruptura co antigo responsable da family office, José Leyte; Inditex mantívose como o activo máis fiable ante os problemas co ladrillo.
En agosto cúmprense dez anos do falecemento de Rosalía Mera. Foto: Xurxo Lobato
O 15 de agosto de 2013 falecía aos 69 anos Rosalía Mera, a primeira esposa de Amancio Ortega, propietaria dun 5% de Inditex. As crónicas percorreron o barrio coruñés de Monte Alto e o seu pasado obreiro agora xentrificado; a taberna de Os Beles no barrio de Monelos; a fundación Paideia Galiza que creou en 1986 e o seu fillo Marcos, que naceu cunha discapacidade; e a vocación por levar unha vida máis ou menos normal sendo a muller máis rica de España. Ese interese tamén acompañou á súa herdeira, Sandra Ortega, que engadiu á fórmula unha dose de discreción tan grande que parece máis propia do seu pai que da súa nai.
O legado de Rosalía Mera, o puramente empresarial e económico, é agora máis grande, aínda que o seu grupo cambiou moito desde aquel 2013. Rosp Corunna contaba entón con 5.500 millóns en activos, mentres que ao peche do ano pasado ascendían a 11.500 millóns. A fortuna que herdou Sandra Ortega, estimada por Forbes, alcanzaba os 5.000 millóns, mentres que agora está por riba dos 11.000 millóns. Este crecemento estivo cheo de tropezos, tanto no coñecido caso de Room Mate como nas inversións inmobiliarias, pero tivo a Inditex como valor seguro. A multinacional téxtil revalorizouse un 185% desde entón e achegou 1.000 millóns de valor á participación de Rosp Corunna só no pasado exercicio. Co salvavidas do xigante de Arteixo, o 5% que mantén Sandra Ortega en Pharma Mar foi o outro elemento estable do holding.
A peor crise de Rosp Corunna
O grupo de Sandra Ortega viviu a súa peor crise en medio da Covid. Aquel ano, o 2020, rexistrou perdas de 91 millóns, engordadas polos deterioros nas inversións inmobiliarias. Foi a primeira vez que os dividendos de Inditex e a evolución en bolsa da multinacional non daban para cubrir calquera disgusto noutras áreas de negocio. Pero detrás dos números vermellos houbo unha crise maior, a ruptura con José Leyte, o home que gardara a fortuna de Rosalía Mera e continuaba facendo o propio coa súa filla.
Licenciado en Dereito e diplomado en Ciencias Económicas pola Universidade Pontificia de Comillas, desde o ano 2000 exerceu como principal responsable de Rosp Corunna Participaciones Empresariales, a sociedade que controla a participación en Inditex e Pharma Mar. Leyte, que antes de aterrar no universo dos Ortega foi responsable de Deutsche Bank Private Banking para Galicia e Asturias e ocupou a división de Banca Privada de Caixa Galicia, foi o representante do grupo en Pharma Mar e Room Mate, mentres Sandra Ortega se mantía nun segundo plano.
A ruptura co executivo aconteceu da peor maneira, cunha cascada de querelas nas que o acusaba de falsificar a súa sinatura, de retribucións indebidas, ou de urdir un plan con Kike Sarasola, fundador de Room Mate, para enriquecerse a cambio de facilitarlle financiamento. Tamén impugnou o finiquito do que fora o seu número dous. En todos os casos, ata o momento, gañou Leyte.