Actualizado
Zebra Brain, a aposta de dúas exdirectivas de Reganosa para facer medrar empresas cunha “IA real”
Alba Budiño e Rocío Vega, ata hai pouco responsables de xestión de talento e eficiencia enerxética e dixitalización no grupo regasificador, acaban de montar unha empresa que excede ás consultorías ao uso e desenvolve solucións estratéxicas para mellorar o negocio e constituír equipos sólidos

Alba Budiño y Rocío Vega acaban de montar en Galicia Zebra Brain, compañía especializada en aportar soluciones organizativas y mejorar los rendimientos empresariales de las empresas usando métodos que convivan IA con la gestión de equipos. Foto cedida: Zebra Brain/Miguel Muñiz
De traballar na gran industria galega a axudar a outras compañías a mellorar mediante a Intelixencia Artificial e as estratexias de xestión de equipos. Alba Budiño e Rocío Vega, dúas exdirectivas de Reganosa, acaban de poñer en marcha Zebra Brain, unha “boutique especializada na transformación de organizacións” a través de solucións con IA. Grosso modo, as executivas ofrecen moito máis que unha consultoría habitual e achegan, cun enfoque especializado para empresas medianas e grandes, “solucións estratéxicas para líderes que buscan impulsar o crecemento económico, escalar, fortalecer o negocio e desenvolver equipos sólidos e comprometidos”.
Zebra Brain é o resultado do talento conxunto de Rocío Vega, ata o pasado abril responsable de dixitalización e Eficiencia Enerxética de Reganosa e de Alba Budiño, que levaba a área de Xestión do Talento no xigante con base de operacións en Mugardos. Ambas formaban parte do Comité de Coordinación do grupo regasificador. Doutora en Enxeñaría Matemática unha e licenciada en Filosofía, Dereito e experta en estratexias organizativas a outra coñecéronse na compañía e, tras anos de traballo na mesma, optaron por desenvolver o seu proxecto propio e conxunto.
Tres ferramentas clave
A primeira ferramenta que ofrece a compañía recibe o nome de Lira. “É unha solución de intelixencia artificial que permite á dirección dunha empresa coñecer, semana a semana, o estado real das persoas da organización, tanto desde o punto de vista emocional, operativo como de comportamento. Funciona con interaccións automatizadas e xenerativas e intégrase, sen fricción, nos sistemas que haxa”, explican.
A segunda ferramenta é Form4. “Unha vez que identificamos o que non funciona dentro da organización, traballamos para redeseñala, dunha forma estruturada e realista, é dicir, que se poida executar”, explica Budiño.
A startup tamén ofrece un servizo premium, chamado Punto+ que se basea en resolver conflitos empresariais máis complexos usando a ciencia aplicada.
“A IA non vén a substituír ás persoas”
Segundo as socias, este servizo pode enfocarse para realizar unha avaliación técnica e económica de proxectos industriais, para aquelas empresas que queren executar proxectos innovadores pero non conseguen a rendibilidade esperada.