BBVA sinala a Navantia e os Next Generation como motores de crecemento en Galicia ante a desaceleración do PIB
A previsión de BBVA Research estima un crecemento do PIB galego este ano do 2,3% e do 1,8% en 2026; o consumo, o gasto público e o sector servizos sosteñen o crecemento, fronte ao peor comportamento da industria ou o sector agroalimentario.

Miguel Cardoso, economista jefe para España de BBVA Research, y Guadalupe Hernández, directora de la Territorial Noroeste de BBVA, durante la presentación hoy del informe ‘Situación Galicia’ en Santiago de Compostela.
O diagnóstico de BBVA Resarch sinala que Galicia crece de maneira sólida e mostra patróns de converxencia coa media estatal, historicamente por riba. Isto percíbese, por exemplo, no PIB per cápita, onde, se as previsións do estudo presentado este xoves en Santiago acertan, a comunidade rexistrará o maior crecemento de España en sete anos. Dito doutra forma, “crece máis desde menores ingresos”, segundo expresou o economista xefe de BBVA Research para España, Miguel Cardoso. A finais de 2026, o PIB per cápita podería situarse 10,5 puntos por riba dos niveis de 2019, mentres que na media de España avanzaría 4,5 puntos básicos.
Con todo, Galicia non está á marxe da desaceleración xeral da economía. A previsión de BBVA é que o PIB avance este ano un 2,3%, fronte ao 3,3% de 2024, e quede no 1,8% en 2026. As estimacións do centro de estudos do banco deixan o crecemento galego por baixo da media española este curso, posto que esta alcanzaría o 2,5%, e por riba de cara ao próximo, cando avance un 1,7%.
Cardoso explicou a diferenza entre o PIB e o PIB per cápita, pois este último está claramente por riba da media do Estado, na mellora xeral da produtividade.
Gasto público, consumo e servizos
Os elementos clave para manter o crecemento na comunidade están sendo o gasto público, a mellora, aínda que débil, do consumo; e a forza do sector servizos, respaldado tamén polo turismo. Segundo BBVA Research, un terzo do crecemento do emprego está vindo da man dos servizos públicos, respaldados por un maior gasto da administración. Un dato chamativo é que a Xunta acelerou o seu gasto en consumo en 2024, elevando o seu peso ata o 12,1% do PIB, por riba da media autonómica (10,8%). Este aumento débese, sobre todo, ás remuneracións do persoal, en particular no ámbito sanitario e educativo, e, en menor medida, ao incremento de consumos intermedios, segundo o estudo.
Outro terzo da afiliación procede dos servizos privados, como banca, comercios, avogacía, hostalaría… todos eles están impulsados por unha mellora do consumo e pola chegada de turistas. Comparativamente, a achega da industria é moito menor, e o sector agroalimentario mesmo resta ao crecemento. Este contexto de contracción industrial en Galicia e España, con excepción dos bens de consumo, e de moderación do gasto dos fogares e das exportacións, radiografían a ralentización da economía prevista.
E tamén explican a clásica Galicia de dúas velocidades. Se o sector servizos é o que tira do emprego, a diferenza da industria ou do sector agroalimentario, as zonas rurais non converxen. De feito, Cardoso explicou que o incremento da afiliación en áreas urbanas como A Coruña ou Santiago son equivalentes ou superiores á media estatal.
A industria de defensa e os fondos europeos
Na análise de factores que respaldarán o crecemento económico na comunidade, BBVA Resarch destacou a industria da defensa, baseándose no maior gasto público previsto nesta área. En Galicia aséntanse empresas relevantes do sector, especialmente Navantia que está desenvolvendo o programa de fragatas para a Armada, pero tamén Urovesa ou Freire. O centro de estudos apoia-se nun informe do Ministerio de Defensa sobre a facturación da industria por comunidades no que Galicia ocupa o terceiro posto, por detrás de Murcia e Madrid.
Por outra banda, tamén sinala ao maior impacto que están a ter os fondos Next Generation na comunidade. Ata agosto de 2025, licitáronse contratos ligados aos fondos europeos e concedéronse subvencións por valor de 3.400 millóns (1.860 millóns en licitacións e 1.550 millóns en subvencións). “Este importe equivale a un 4,1% do PIB rexional de 2024 (para o conxunto de España, o importe alcanza o 3,3% do PIB)”, di o estudo de BBVA Research.