Axudas a empresas do sector forestal: a Xunta abre o prazo para repartir 5 millóns
Desde este domingo pódense solicitar as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal destinadas a empresas da primeira e segunda transformación e á realización de actividades formativas.
Imaxe de arquivo dun monte galego
A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) abriu este domingo o prazo para solicitar as novas axudas destinadas a empresas da primeira e segunda transformación e á realización de actividades formativas no sector. As subvencións repártense en dúas convocatorias e suman 5 millóns de euros.
Unha das convocatorias publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) é o programa Xera-valor, pensado para aproveitar as oportunidades do incremento de produtos derivados da madeira en diversos campos como o da construción ou o contract, no que Galicia é un referente a nivel internacional. Está dirixido a empresas da primeira e segunda transformación da madeira.
As liñas de apoio inclúen, por exemplo, a compra de maquinaria de deseño e fabricación de mobiliario e de elementos para a construción. Tamén posibilita a adquisición de tecnoloxías de automatización e dixitalización de procesos e de maquinaria específica para tratamentos, secado e acabados. As axudas poden acadar un máximo de entre 60.000 e 250.000 euros.
Actividade formativa
O segundo programa de apoios que este domingo se publica é Xera-savia, que conta cun orzamento de medio millón de euros para actividades formativas non regulamentadas e divulgativas con subvencións de ata 70.000 euros. Neste caso, vai dirixido a asociacións, organizacións, centros universitarios, colexios, fundacións e agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas do sector en Galicia.
A Xunta lembrou que está a elaborar un plan director para o sector forestal cuxo borrador foi presentado ao Consello o pasado 19 de xaneiro e que recolle medidas e actuacións para fortalecer a competitividade deste sector en Galicia.