CC OO eleva o ton no debate sobre o absentismo e denuncia 194 millóns en horas extra sen pagar
O sindicato sinala nun informe, baseado nos últimos datos da Enquisa de Poboación Activa, que na comunidade traballáronse o ano pasado unha media de case 347.000 horas extra semanais; o 37% non recibiron “ningunha compensación económica, nin sequera en forma de descanso”.
Un profesor reparte os exames da PAU 2026 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela – Álvaro Ballesteros / Europa Press
CC OO cifra en torno a 194 millóns anuais o custo das horas extra traballadas en Galicia que non se pagan. Un informe elaborado polo sindicato, baseado nos últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), na comunidade traballáronse unha media de case 347.000 horas extra semanais o ano pasado. Delas, unhas 128.000 (o 36,8%) non recibiron ningunha compensación económica, nin sequera en forma de descanso. Noutras palabras, catro de cada dez non se pagan”.
Segundo explican nun comunicado, o 5,7% da poboación asalariada galega traballa horas extras de forma habitual, é dicir, case 55.000 persoas. “Deste total, 36.000 reciben remuneración, pero máis de 25.000 —o 2,6%— non reciben nada a cambio. Cada unha destas persoas afectadas traballa unha media de 5,1 horas extras non remuneradas á semana”.
CC OO sostén que se trata dunha forma de «explotación laboral» presente desde hai décadas e que, aínda que reducida nos últimos anos, non desapareceu, a pesar da aprobación de normativas específicas como o rexistro obrigatorio das horas traballadas. «Mentres os empresarios e certos actores políticos —como a Xunta de Galicia— insisten en criminalizar a clase traballadora polo chamado absentismo, empresarios sen escrúpulos seguen a levar a cabo esta práctica propia doutro século a plena luz do día», reprocha o sindicato.
O sindicato explica que “aplicando o custo laboral medio utilizado no informe estatal ao caso galego, estas horas representan uns 7.700 euros anuais por persoa que xa non se perciben en concepto de salario e cotizacións”. Esta estimación situaría o custo laboral non remunerado en Galicia en torno aos 194 millóns anuais. “En termos de emprego, este volume de horas regaladas equivalería a uns 3.400 postos de traballo a tempo completo que non se crean”.
Desglose por sectores
No desglose por sectores, o sindicato sinala que catro actividades concentran case a metade destas horas non remuneradas. A educación encabeza a lista, con case 19.700 horas semanais (o 15,4% do total galego), seguida da sanidade e os servizos sociais, con case 16.900 horas (13,2%), a industria manufacturera, con arredor de 12.900 horas (10,1%), e a hostalaría, con unhas 11.400 horas (8,9%).
“En termos relativos, existen sectores nos que a maior parte das horas extras traballadas non son remuneradas. Este é o caso da sanidade e os servizos sociais, onde o 70,5% das horas extras do sector non son remuneradas; as actividades administrativas e servizos auxiliares (69,8%); a educación (52,5%) ou as actividades financeiras e de seguros (52%). Outros sectores cun alto volume de horas extras non remuneradas son a hostalaría (46,7%) e a construción (37,5%)”.
“Explotación laboral”
CC OO sinala que estas horas extras non remuneradas son unha forma de “explotación laboral” que persiste “a pesar da existencia de medidas como o rexistro obrigatorio das horas traballadas”. Neste sentido, o sindicato advirte que esta práctica non só prexudica aos traballadores, que deixan de percibir salarios e cotizacións, “senón tamén á sociedade no seu conxunto, ao reducir os ingresos públicos e fomentar a competencia desleal entre as empresas que incumpren a normativa e as que si respectan os dereitos laborais”.
Doutra banda, o sindicato explica que as horas extras non compensadas, nin sequera con descanso, especialmente en sectores con alta esixencia física, “constitúen un factor de risco para a saúde dos traballadores, que facilita accidentes e incapacidades temporais”.
Con todo iso, CC OO esixe que a Inspección de Traballo de Galicia se reforce con máis recursos humanos e técnicos, que se promovan auditorías sistemáticas dos rexistros de horas traballadas e que se endurezan as sancións para disuadir o incumprimento, incluíndo a responsabilidade solidaria na cadea de contratación.
Tamén aposta por “intensificar as campañas de información e asesoramento” para que os traballadores coñezan os seus dereitos e os mecanismos de reclamación, así como por incorporar cláusulas de control nos convenios colectivos que garantan o respecto das horas de traballo acordadas e o pago de horas extraordinarias.