Un estudo de Ivie e Umivale Activa cifra en máis de 62.200 millóns o custo das baixas laborais en Galicia
Galicia destinou en 2024 un total estimado de 6.223 millóns de euros ás incapacidades temporais (IT), segundo un informe de Umivale Activa e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie). A cifra supón un incremento do 82,3% respecto a 2018 e representa o 7,6% do produto interior bruto (PIB) da comunidade.
O estudo, que analiza a evolución dos procesos de incapacidade temporal nas distintas comunidades autónomas, sinala que Galicia perde o 7,58% das súas xornadas de traballo potenciais como consecuencia das baixas, un porcentaxe un 27,7% superior á media nacional. Ademais, o número de xornadas perdidas por IT incrementouse un 63,9% respecto a 2018, situando a comunidade entre as rexións onde máis aumentou o absentismo laboral.

Por provincias, as catro galegas atópanse entre os territorios españois con maior porcentaxe de xornadas laborais perdidas por incapacidade temporal. Lugo ocupa a terceira posición do ranking, cun 7,84%, seguida de A Coruña, en cuarto lugar, cun 7,76%. Pola súa banda, Pontevedra sitúase no oitavo posto, cun 7,38%, e Ourense, no noveno, cun 7,19%. A listaxe está encabezada por Las Palmas, cun 8,64%, e Bizkaia, cun 8,52%.
“Durante 2024 en Galicia unha media de 68.000 traballadores ausentouse do seu posto de traballo cada día por unha baixa de IT. Equivale a unha media de 28 días de ausencia ao ano por traballador, dato que en 2018 era de 17 días”.
Un dos indicadores que analiza o estudo é a incidencia da incapacidade temporal, que mide o número de novos procesos de baixa por cada 1.000 traballadores. En Galicia rexistráronse 348 procesos por cada 1.000 traballadores, unha cifra inferior á media nacional, aínda que un 31,3% superior á de 2018. En canto á prevalencia, que reflicte o número de procesos de baixa activos, a comunidade pechou 2024 con 75 baixas por cada 1.000 traballadores, un 30% máis que a media española e un 58,4% por encima do dato rexistrado en 2018.
Baixas de longa duración
As baixas laborais de longa duración converteronse nun dos principais factores detrás do incremento da incapacidade temporal (IT) en Galicia. Aínda que os procesos que superan o ano representan apenas o 8% do total, concentran o 32% das xornadas laborais perdidas e explican o 47% do aumento da IT rexistrado desde 2018. Ademais, case un de cada cinco procesos activos supera xa os doce meses de duración, unha proporción que máis que triplica a rexistrada en 2018 e que se sitúa por riba da media española.

A prolongación destas baixas tamén ten un impacto significativo na evolución posterior dos traballadores: o 32,2% dos procesos que superan un ano de duración remata nunha incapacidade permanente. Por provincias, Ourense presenta o porcentaxe máis elevado, cun 42,5% das baixas de máis dun ano que desembocan en incapacidade permanente, mentres que Pontevedra rexistra a taxa máis baixa, cun 25,4%.
A repetición de baixas concentra unha parte significativa dos procesos de incapacidade temporal (IT) en Galicia. O 13,5% dos traballadores inicia máis dun proceso de baixa, un grupo que acumula o 59,3% de todas as baixas rexistradas e o 56,2% das xornadas laborais perdidas. Por provincias, Ourense presenta o maior porcentaxe de xornadas vinculadas á repetición de procesos, cun 57,3%, seguida de Pontevedra, cun 56,6%, e A Coruña, cun 56,2%.
Baixas por actividades
Por actividades, o sector de auga e saneamento rexistra o maior porcentaxe de xornadas perdidas por incapacidade temporal, cun 11,30%, seguido das actividades administrativas e servizos auxiliares —entre elas, limpeza e seguridade—, cun 11,18%, e das actividades sanitarias, cun 9,62%. As actividades administrativas son, ademais, un dos ámbitos onde máis aumentou a IT desde 2018, cun incremento do 77%. En conxunto, todos os sectores analizados presentan en Galicia unha incidencia da incapacidade temporal superior á media nacional dos seus respectivos sectores.
En canto ás causas, as alxias —doenzas caracterizadas pola presenza de dor— e os problemas de saúde mental concentran preto do 60% do indicador. Dentro deste último grupo, a contribución dos trastornos relacionados coa saúde mental incrementouse un 145% desde 2018.