Menos burocracia, apoiar ás pemes no Xacobeo… As peticións da patronal galega a Hereu.
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, traslada ao ministro que "o fortalecemento e o incremento do tamaño" do tecido industrial "constitúen elementos estratéxicos de primeiro orde para Galicia".
Reunión da Confederación de Empresarios de Galicia con ministro de Industria, Jordi Hereu – CEG
Eliminar barreiras á creación industrial, reforzar a unidade de mercado, reducir cargas administrativas e garantir a seguridade xurídica. Son algunhas das peticións que o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, lle trasladou ao ministro de Industria, Jordi Hereu, na reunión de traballo mantida este luns.
En materia de turismo, a patronal galega pide apoios adicionais que permitan ás pemes desenvolver proxectos vinculados ao Xacobeo e reforzar iniciativas que promovan a chegada de visitantes durante todo o ano.
“É momento de seguir impulsando incentivos dirixidos a empresas que contribúan activamente á promoción e desenvolvemento de eventos vinculados ao Xacobeo, así como ao fortalecemento e expansión dos servizos asociados. Co fin de facilitar a participación de pequenas e medianas empresas en accións de promoción do Xacobeo, deberían articularse apoios adicionais que permitan a estas empresas desenvolver proxectos de diversa natureza directamente vinculados a iso”, explica Vieites.
Neste encontro participaron tamén, entre outros, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o director xeral de Sabadell Galego e director xeral adxunto de Banco Sabadell, Pablo Junceda, entidade patrocinadora do evento.
O director xeral adxunto de Banco Sabadell e director xeral de Sabadell Galego, Pablo Junceda afirmou que “só desde o ámbito da cooperación entre o público e o privado se poden xestionar ben os asuntos que afectan ao interese xeral”.
Pola súa parte, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, asegurou que “o fortalecemento e o incremento do tamaño” do tecido industrial “constitúen elementos estratéxicos de primeiro orde para Galicia”. “A nosa aposta é clara: máis industria, máis innovación, máis autonomía, máis internacionalización”, asegura.
Neste sentido, explica que “o desenvolvemento dunha industria vinculada á produción, almacenamento e uso eficiente de enerxías renovables, así como o aproveitamento sostible dos recursos naturais, debe traducirse nunha vantaxe competitiva efectiva para a implantación e consolidación de proxectos industriais de alto valor engadido na nosa rexión”.