Morre o empresario lucense Manuel Núñez, cofundador de Torre de Núñez.
O empresario, que faleceu aos 91 anos, fundou hai 60 anos xunto á súa muller, Asunción Torre, o grupo especializado na elaboración de produtos cárnicos.
O empresario lucense Manuel Núñez, cofundador de Torre de Núñez. Imaxe, perfil de Facebook de Torre de Núñez.
Manuel Núñez Aldegunde faleceu aos 91 anos. O empresario lucense é coñecido por ter fundado hai 60 anos xunto á súa muller, Asunción Torre, o grupo Torre de Núñez, especializado na elaboración de produtos cárnicos.
O grupo despediu ao seu fundador a través dunha publicación nas súas redes sociais, onde este sábado comunicou o falecemento “tras unha vida dedicada á familia, ao traballo ben feito e ao compromiso coa súa terra”.
“O que naceu como un pequeno obradoiro converteuse, grazas á súa visión e esforzo, nun referente do sector cárnico galego, nacional e internacional”, valorou o equipo da empresa.
O texto lembra que “a súa visión” tamén o levou a outros proxectos empresariais, como o Hotel Torre de Núñez. “O seu legado trascende o empresarial. Foi un home que creu nas persoas, na honestidade e no orgullo de facer as cousas ben”, despedírono.
Núñez Aldegunde levaba anos desvinculado da xestión da empresa. Será despedido cunha misa este domingo ás 19.30 horas en Velatorios Lucenses Arieiras e o enterro está previsto para o luns ás 16.30 horas en Conturiz.