O transporte por estrada deberá dixitalizar o documento de control a partir de outubro.

A empresa galega Visual Trans anuncia que o documento de control electrónico será obrigatorio para todos os operadores que realicen un transporte de mercadorías por estrada en territorio nacional.

camion Visual Trans

A partir do próximo 5 de outubro todos os operadores que realicen un transporte de mercadorías por estrada en territorio nacional estarán obrigados a emitir o documento de control en formato dixital de forma previa ao inicio de cada traxecto. Así o anunciou este xoves Visual Trans, empresa galega especializada no desenvolvemento de solucións dixitais para o sector transitario e loxístico.

Este documento, explican desde a compañía, acredita a existencia dun contrato de transporte de mercadorías e permite que a información quede dispoñible para todos os actores implicados na operación loxística así como para as autoridades de inspección.

Distinto é o CMR (do francés Convention relative au contrat de transport international de marchandises par route), é un documento oficial e obrigatorio para o transporte internacional de mercadorías por estrada entre dous países onde, polo menos un deles, asinou o Convenio de Xenebra de 1956. O CMR actúa como o contrato de transporte e recibo de mercadorías, detallando que se transporta, as partes implicadas (expedidor, transportista, destinatario) así como as condicións da viaxe.

Impulsada pola Lei 9/2025 de Mobilidade Sostible, esta nova obriga substitúe o formato papel por rexistros dixitais antes de iniciar o traxecto. Aliñada coas directrices de dixitalización da Unión Europea, esta medida busca modernizar os fluxos de información na cadea loxística, abandonando progresivamente o soporte físico para gañar en axilidade, trazabilidade e control administrativo.

A dixitalización afecta ao documento de control, que acredita o contrato de transporte, pero non obriga por agora a dixitalizar a carta de porte internacional (eCMR), aínda que esta última poderá utilizarse como substituto legal se contén a información requirida. Entre os datos que deberán figurar obrigatoriamente no arquivo dixital (que pode ser incluso un PDF) atópanse: a identificación do cargador contractual e do transportista efectivo, a orixe e destino do transporte, a descrición da mercadoría e as datas de carga e descarga e condicións do transporte.

Segundo apuntou Miguel Ubeira, Responsable de produto de Visual Trans, “o Ministerio de Transportes flexibiliza os requisitos iniciais e o fundamental é que o documento exista dixitalmente antes de arrancar o vehículo e que este poida ser amosado e/ou verificado mediante dispositivos electrónicos en caso dunha inspección na estrada”.

Explican desde Visual Trans que a normativa aclara que a sinatura electrónica non é obrigatoria para o documento de control, pero si segue sendo necesaria para acreditar xurídicamente a entrega da mercadoría ou cando se opte polo eCMR. Neses casos, esixirase unha sinatura electrónica avanzada que garanta a integridade e a identidade do asinante segundo o Regulamento de Ordenación dos Transportes Terrestres (ROTT).

Boa acollida do sector

A implementación desta nova normativa foi acollida no sector como “moi interesante” posto que, entre outras cousas, “o sistema permite que cargador, transportista e destinatario poidan ver o mesmo documento á vez e poden actualizar o estado da operación (recollida, incidencias, entrega) en tempo real”, apuntou Natalia Blanco, directora xeral de APETAMCOR, a asociación galega que representa a pemes e autónomos do transporte de mercadorías por estrada desde hai máis de tres décadas.

Blanco engadiu que a posta en marcha da devandita normativa suporá un importante aforro que, para as pemes do sector, se traducirá en miles de euros ao ano, cunha redución nos custos administrativos de entre un 20 e un 30%.

Para APETAMCOR, a dixitalización do documento de control supón un tremendo salto cualitativo na trazabilidade, “especialmente en mercadorías perigosas ou de alto valor”, matizou Blanco.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp