Actualizado
A Escola de Relacións Laborais da Coruña lidera un proxecto entre Galicia e o norte de Portugal para ‘protexer aos coidadores’
Exocare, unha iniciativa financiada con fondos europeos, impulsa o uso de exoesqueletos e tecnoloxías de apoio para reducir as lesións do persoal coidador.
Foto de familia dos promotores do proxecto Exocare, de protección a coidadores de dependentes, impulsado pola Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC)
A Coruña emérxese como peza clave na investigación arredor dos coidados. A cidade acolleu este martes a xornada de lanzamento do proxecto Exocare, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza España-Portugal que aborda un dos problemas máis invisibles do sistema de coidados: as lesións físicas que sofren quen dedican a súa vida profesional a mobilizar e atender persoas en situación de dependencia.
O proxecto está liderado pola Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC) e reúne un consorcio de entidades galegas e portuguesas co obxectivo de estudar a situación eurorrexional, desenvolver programas formativos específicos e validar solucións tecnolóxicas —en particular, exoesqueletos— adaptadas ao entorno asistencial.
Os trastornos musculoesqueléticos derivados da mobilización de pacientes representan a principal causa de baixa laboral no sector dos coidados. Lesións lumbares e dorsais que, en moitos casos, truncán carreiras profesionais e agravan a xa crítica escaseza de persoal no sector. “Exocare parte da convicción de que a tecnoloxía pode ser parte da solución, e de que coidar a quen coida é tamén unha cuestión de xustiza social”, expoñen os promotores da iniciativa.
Entidades de Galicia e norte de Portugal
O consorcio que integra o proxecto conta con entidades de referencia en saúde, investigación e xestión do coñecemento a ambos lados da fronteira. Liderado pola Fundación ERLAC, participan a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Unidade Local de Saúde do Alto Ave, E.P.E. (Portugal), a Universidade da Coruña (UDC), a Universidade do Minho (UMinho), DTx CoLAB, o Cluster Saúde de Galicia (CSG), a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade (Xunta de Galicia) xunto coa Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria (Xunta de Galicia), e a Santa Casa da Misericordia de Riba de Ave.
Durante a presentación do proxecto, Jesús Vázquez Forno, decano-director de ERLAC, celebrou a participación na xornada, “sendo un reflexo claro da cooperación entre as diferentes entidades, unindo Galicia e Portugal nun proxecto pioneiro no sector, e pensando por e para o persoal sanitario”.
Miguel Araujo, do Serviço de Gestão Financeira e Serviço de Projetos Financiados da Unidade Local de Saúde do Alto Ave, recalca que “Exocare nace para resolver unha realidade hospitalaria: o impacto do alto envellecemento da poboación sobre o persoal hospitalario e de asistencia, e que a proposta é revolucionaria, facendo uso da tecnoloxía ao servizo de quen coida”.
Exocare está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.