Redeia e REN culminan a nova interconexión entre Galicia e Portugal un ano despois do apagón
Ambas entidades invisten 140 millóns de euros na nova infraestrutura eléctrica a 400 kV entre Pontevedra e Viana do Castelo, o que supón un reforzo clave para os dous sistemas.
Acto de inauguración en Arbo (Pontevedra) da nova interconexión con Portugal, coa presenza da vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, e a súa homóloga en Portugal, Maria da Graça Carvalho, así como a presidenta de Redeia, matriz de Red Eléctrica, Beatriz Corredor, e Rodrigo Costa, presidente de REN. Foto: Redeia
España e Portugal, a través dos seus operadores eléctricos Redeia e REN, inauguraron este xoves a nova interconexión eléctrica a 400 kV entre Pontevedra e Viana do Castelo, unha infraestrutura clave para reforzar os sistemas de ambos países algo máis dun ano despois do gran apagón. Trátase dun proxecto estratéxico para a Unión Europea, no seu obxectivo de avanzar na transición ecolóxica e na autonomía enerxética, así como nun mercado interior máis consolidado.
A nova interconexión, incluída na planificación eléctrica vixente en España e catalogada como Proxecto de Interese Común pola Comisión Europea, aumenta a capacidade de intercambio entre ambos países en uns 1.000 MW, ata un total de 4.200 MW (de España a Portugal) e de 3.500 MW (de Portugal a España), o que supón un importante reforzo para ambos sistemas, ademais dun impulso á eficiencia e á transición ecolóxica. Con esta nova infraestrutura permite aumentar a integración de renovables en 281 GWh anuais, coa consiguiente redución das emisións de CO2 en 113.000 toneladas ao ano.
A inauguración celebrouse no municipio de Arbo (Pontevedra), preto da fronteira con Portugal, nun acto que contou coa presenza da vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, e a súa homóloga en Portugal, Maria da Graça Carvalho, así como a presidenta de Redeia, matriz de Red Eléctrica, Beatriz Corredor, e Rodrigo Costa, presidente de REN.
“Reforza a seguridade de subministración”
A vicepresidenta Aagesen valorou que “esta é unha infraestrutura que nos permite avanzar na integración dos sistemas eléctricos e tradúcese en seguridade de subministración, competitividade e sustentabilidade. É unha oportunidade para os nosos territorios e un símbolo da forma na que entendemos a fronteira entre España e Portugal: un espazo compartido de cooperación, traballo e oportunidade”.
A ministra de Medio Ambiente e Enerxía de Portugal, Maria da Graça Carvalho, subliñou que “esta nova interconexión representa un paso máis decisivo para reforzar a seguridade enerxética de Portugal e España e para profundar na integración do Mercado Interior da Enerxía. As interconexións fan que os sistemas eléctricos sexan máis resilientes, permiten unha maior integración das enerxías renovables e tradúcense en beneficios concretos para os consumidores e para a competitividade da economía. Este proxecto reforza a posición conxunta que ambos países defenderon ante a Unión Europea: a necesidade de seguir investindo nas interconexións, en particular con Francia”.
Para a presidenta de Redeia, Beatriz Corredor, “esta interconexión é un claro exemplo do que somos capaces de lograr cando combinamos cooperación técnica e colaboración institucional a todos os niveis: desde o impulso europeo ata o traballo conxunto entre gobernos, administracións rexionais e locais, e, sobre todo, o diálogo próximo co territorio. Foi un proxecto construído desde a escoita, municipio a municipio, monte a monte e, literalmente, casa por casa”.
Pola súa banda, o presidente de REN, Rodrigo Costa, afirmou durante o evento que “esta nova interconexión é extremadamente importante para a Península Ibérica, na medida en que ten un impacto económico moi positivo para ambos países. Ambos mercados pasan a beneficiarse dunha interconexión máis, ata un total de 10, e así cúmprense os obxectivos que estaban previstos. As interconexións eléctricas de moi alta tensión entre Portugal e España contribúen a unha maior seguridade de ambos sistemas e á transición enerxética que se pretende acadar en ambas xeografías”.
Galicia, clave no proxecto
A nova interconexión en España e Portugal polo norte conecta os sistemas eléctricos de ambos países a través das provincias de Ourense e Pontevedra en España e o distrito de Viana do Castelo en Portugal.
En España, o eixo contemplou a construción das subestacións de Bearíz 400 kV e Fontefría 400/220 kV, ademais de dúas novas liñas a 400 kV: unha de conexión entre as dúas subestacións de 30 km de lonxitude; e a liña de interconexión entre Fontefría e a fronteira con Portugal de 21,7 km. Pola súa parte, o tramo portugués, cunha lonxitude aproximada de 68 km, continúa desde o punto de paso pola fronteira ata a subestación de Ponte de Lima.
O punto de cruce transfronteirizo elixiuse de xeito coordinado entre Red Eléctrica e REN. Deste xeito estableceuuse o punto de conexión entre os municipios de Arbo (Pontevedra) e Melgaço (Viana do Castelo), optando polo punto de cruce do río Miño máis estreito e con menos afección ao entorno.
Investimento de 140 millóns
Tanto Redeia como REN desembolsaron uns 140 millóns na infraestrutura eléctrica.
Red Eléctrica, co apoio financeiro do Banco Europeo de Investimentos e dos fondos Next Generation levou a cabo un investimento de 57,6 millóns de euros para a construción da liña e as subestacións no lado español da interconexión, unha cifra que se eleva a máis de 70 millóns de euros se se teñen en conta infraestruturas de apoio do proxecto. Polo lado portugués, o investimento ascendeu a outros máis de 70 millóns de euros, dos cales 44 millóns corresponderon á construción da nova liña e 26 millóns foron para erguer a subestación de Ponte de Lima.
Compromiso co territorio
Alén do reforzo eléctrico, esta iniciativa abre novas oportunidades para promover investimentos aliñados coas prioridades de cada territorio, segundo indican os seus promotores.
“Todas estas infraestruturas incrementan o mallado da rede de transporte en Galicia, mellorando o subministración de veciños e empresas e impulsando o crecemento económico e industrial rexional. Ademais, posibilita a integración de novos proxectos renovables nunha comunidade de altos recursos enerxéticos que a sitúan como punta de lanza da transición enerxética do noso país”, expoñen desde Redeia.
Doutra banda, outro beneficio para Galicia é que este enlace servirá no futuro como un dos puntos de alimentación ás subestacións de tracción do eixo ferroviario Vigo–Ourense–Lugo–A Coruña.