A creación de valor empresarial, a exame no II Foro de Innovación e Emprego de APD
O encontro da Asociación para o Progreso da Dirección celebrarase o próximo 10 de xullo en Compostela no Bandalux Campus e reunirá a máis de 200 profesionais.
Imaxe da primeira edición do Foro de Innovación e Emprego de APD, a Asociación para o Progreso da Dirección
Santiago de Compostela acollerá o próximo 10 de xullo de 2026 o II Foro de Innovación e Empreendedorismo, unha cita organizada por APD e a Xunta de Galicia, no marco do Programa Capacita Directivos, que reunirá directivos, empresas e profesionais no Bandalux Campus para abordar os principais retos e oportunidades arredor da innovación e a creación de valor empresarial.
O encontro, que se desenvolverá en horario de 09:00 a 14:00 horas, cun espazo final de networking a partir das 14:10 horas, plantexase como un foro de inspiración, aprendizaxe e conexión entre empresas consolidadas, startups e axentes do ecosistema innovador galego.
Innovación e emprendemento como alavancas de transformación
O foro parte da idea de que innovación e emprendemento actúan como motores complementarios do desenvolvemento empresarial: a primeira impulsa a reinvención de organizacións e procesos, mentres que o segundo achega a capacidade de crear novos proxectos e abrir camiños de crecemento.
Neste contexto, o II Foro de Innovación e Empreendedorismo busca consolidarse como un espazo de referencia para o intercambio de coñecemento, a xeración de ideas e a conexión entre talento, empresa e territorio.
Un programa con referentes do ámbito empresarial, académico e institucional
A xornada contará cun programa estruturado en relatorios, mesas de diálogo e espazos de networking, con máis de 20 expertos do panorama innovador e emprendedor.
Entre as principais intervencións destacan:
• Guido Stein, profesor de IESE Business School, coa relatoría sobre innovación no contexto actual.
• Mesa sobre innovación aberta, coa participación de representantes de APD e IBM.
• Sesións dedicadas á innovación desde empresas consolidadas, con directivos de compañías como Carelife Solutions (Corp. Telefés), Astilleros Gondán ou Amazon.
• Panel sobre emprendemento con impacto, con fundadores e CEOs de startups e empresas innovadoras.
• Bloque específico sobre emprendemento senior: segunda carreira directiva.
A clausura institucional correrá a cargo da Conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.
Un espazo de encontro para o ecosistema innovador
O foro conta coa colaboración de diversas entidades do tecido empresarial, tecnolóxico e académico galego, reforzando a súa vocación de punto de encontro entre industria, coñecemento e emprendemento.
Inscricións gratuítas e espazos de networking
O Foro contará cunha pausa para café destinada ao networking empresarial e finalizará cun aperitivo para todas as persoas asistentes e os relatores do encontro. A asistencia é totalmente gratuíta, e a inscrición pode realizarse a través da web de APD ou contactando en noroeste@apd.es