A Xunta insta a reforzar a prevención de riscos laborais ante a vaga de calor
Tanto o BNG como o PSOE tamén reclamaron medidas nos municipios de Ourense e Lugo.
Imaxe de arquivo de uns bañistas na praia da Antena, no río Miño. Rosa Veiga / Europa Press
A Xunta pediu reforzar a prevención de riscos laborais ante as altas temperaturas, ao tempo que lembra que, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ten en marcha unha campaña para sensibilizar aos traballadores e traballadoras sobre os riscos derivados da actividade laboral nestas circunstancias.
Nun comunicado, e ante os riscos existentes, apela a previr especialmente o estrés térmico, ocasionado cando o organismo perde a súa capacidade para autorregular a temperatura por unha mestura das condicións do clima, o esforzo físico requerido e a propia resposta biolóxica do corpo.
Así, remarca que este risco aumenta cando as tarefas se levan a cabo á intemperie, cando é obrigatorio o uso de equipos de protección individual (EPI) ou tras exposicións prolongadas ao sol. Por iso, insta a facer pausas periódicas para recuperar forzas, evitar comidas copiosas ou consumo de café e bebidas alcohólicas.
Tamén avisar de inmediato se se comezan a notar síntomas de afogo ou exceso de calor e beber a miúdo aínda que non se teña a sensación de sede.
Demandas a nivel municipal
Noutro orde de cousas, o grupo municipal do PP no Concello de Ourense pediu ao goberno local que poña en marcha “medidas urxentes” para adaptar a cidade ás altas temperaturas e protexer aos colectivos máis vulnerables.
Entre outras, propón utilizar galerías comerciais ou espazos municipais como refuxios climáticos, crear estacións de frío con ventiladores e nebulizadores en puntos especialmente afectados por altas temperaturas ou mellorar o coidado e conservación de sendas fluviais.
Á súa vez, en Lugo o BNG propuxo estudar medidas de aforro de auga este verán. Nun comunicado, asegura que deben establecerse actuacións ante o cambio climático e deseñar estratexias “que permitan ás persoas dispoñer de auga todo o verán”.