A empresa entra na novela negra galega con “Cen Ilíadas”
Participativa presentación en Santiago da última novela de Marcelino Fernández Mallo, que contou co historiador Lourenzo Fernández Prieto e a xornalista María Obelleiro.
María Obelleiro, Marcelino Fernández Mallo e Lourenzo Fernández Prieto na presentación do libro “Cen Ilíadas”
A libraría Couceiro de Santiago acolleu a presentación de Cen Ilíadas, a novela de Marcelino Fernández Mallo que introduce o mundo da empresa como escenario principal dunha trama de intriga. No acto participaron a xornalista María Obelleiro e o historiador Lourenzo Fernández Prieto, e entre ambos e o autor desenvolveuse un animado debate no que tamén interveu o público asistente.
Un dos eixes da conversa foi a escasa presenza da empresa como contexto narrativo na literatura galega. María Obelleiro preguntouse polas razóns desta ausencia, á que Fernández Mallo respondeu que a organización empresarial constitúe un microcosmos hermético onde se cruzan relacións complexas, rexidas por normas explícitas e implícitas, que só se comprenden plenamente desde a experiencia directa. Esa densidade de interaccións, sinalou, convértea nun territorio especialmente fértil para a ficción.
Ademais de dedicarse á novela e ao ensaio, Fernández Mallo tamén desenvolve un intenso labor en medios e é colaborador habitual de Economía Digital Galicia e codirector do Atlas Galego da Empresa Comprometida, editado polo mesmo medio, que xa vai pola sexta edición.
Dinámicas empresariais
Pola súa banda, Lourenzo Fernández Prieto detívose nos perfís dos personaxes principais da novela e nas motivacións que guían as súas decisións. O debate derivou cara ás semellanzas entre determinadas dinámicas empresariais —marcadas por lealdades fráxiles, rivalidades e comportamentos próximos ao límite da legalidade— e outros ámbitos como a política ou a universidade.
O autor subliñou dous dos temas centrais de Cen Ilíadas: o teatro de aparencias no que se moven moitos directivos das grandes organizacións e o papel das circunstancias na toma de decisións extremas. Segundo explicou, a novela formula ata que punto unha persoa pode verse empurrada a actuar dun modo que, nun contexto de normalidade, consideraría impensable.
Tanto Obelleiro como Fernández Prieto destacaron a novidade da obra dentro do panorama da novela negra galega, polo seu escenario empresarial, pola verosimilitude dos personaxes e polo coñecemento que demostra o autor do funcionamento das organizacións. Ambos coincidiron tamén en destacar o ritmo narrativo da obra e o seu carácter entretido para o lector.