A AP-9 queda en mans holandesas e suízas.
A Comisión Europea deu luz verde a Swiss Life para que pase a exercer o control de Itínere xunto ao fondo de pensións holandés APG.

Recorrido de la AP-9 a su paso por el Puente de Rande
Novo cambio no accionariado de Itínere. A Comisión Europea deu este venres luz verde á entrada do fondo Swiss Life no accionariado da dona das autoestradas galegas AP-9, AG-55 e AG-57.
Bruxelas concluíu que esta operación non terá un impacto negativo no espazo económico europeo nin nunha parte substancial do mesmo, polo que deixa vía libre para que a firma suíza se converta en socia do fondo holandés APG e pase a exercer o control conxunto de Itínere.
Mediante esta operación, APG, o maior provedor de pensións dos Países Baixos, e Swiss Life Holding, a principal aseguradora do país helvético toman o control tanto de Audasa ou Autoestradas de Galicia como das sociedades que controlan a AP-66, de Asturias a León; a AP-8, en País Vasco; ou a AP-15, en Navarra.
Bruxelas considera que a operación non plantea problemas de competencia porque as compañías implicadas non están activas nos mesmos mercados nin teñen vínculos verticais, segundo detallou nun comunicado. O expediente, que lle foi notificado ao Executivo comunitario o 12 de agosto pasado, foi examinado baixo o procedemento simplificado que se aplica aos casos menos problemáticos.
O movemento supón un novo xiro no accionariado de Itínere, que nos últimos anos pasou de estar controlada por Sacyr, Kutxabank e Abanca (posuían un 55%) para, posteriormente, pasar a mans de Corsair e Globalvia.