A RFEF deixa no aire o Mundial en Riazor: «O proceso de elección de sedes está aberto»
"Pensamos que aínda en España temos sedes que están fóra da candidatura e que teñen a posibilidade de ser sedes no futuro", defendeu o seu director de Relacións Institucionais, en alusión velada a Vigo e Valencia.
Arias Infraestruturas acometeu as obras de reforma da cuberta e estrutura metálica do estadio de Riazor. Foto: Arias Infraestruturas
A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) segue sen dar por pechado o proceso de elección de sedes para o Mundial 2030. O director de Relacións Internacionais da entidade, Eduard Dervishaj, quen está á fronte do equipo que coordina con FIFA as visitas ás sedes de España, subliñou que este procedemento “está aberto” e admite a posibilidade de incorporar novos nomes propios.
“Estamos a desenvolver xunto con FIFA unhas visitas técnicas, falaron coas autoridades públicas e cos estadios para ver onde estamos neste momento e para planificar o proceso da selección das sedes que presentamos”, avanzou Dervishaj nun comunicado compartido pola RFEF, durante as visitas de FIFA ás sedes da candidatura para o Mundial 2030.
E o director de Relacións Internacionais da RFEF defendeu que ese proceso de selección de sedes “é un proceso aberto”. “Ninguén nos garante que poidamos meter máis sedes, pero nós traballamos para que así sexa. E ademais pensamos que aínda en España temos sedes que están fóra da candidatura que teñen a posibilidade de ser sedes no futuro”, defendeu, deixando aberta a porta a Vigo ou Valencia, que aspiran a entrar nun listado definitivo no que actualmente están presentes oito cidades.
Trátase de Madrid (co Santiago Bernabéu e o Metropolitano), Barcelona (Camp Nou e RCDE Stadium), Bilbao (San Mamés), San Sebastián (Anoeta / Reale Arena), Sevilla (A Cartuxa), Zaragoza (Nova Romareda), Las Palmas de Gran Canaria (Estadio de Gran Canaria), e A Coruña (Riazor).
“Primeira interesada en ter máis sedes en España”
Ante a posibilidade de que máis cidades se incorporen ao catálogo definitivo de sedes para o Mundial 2030, Dervishaj recoñeceu que lles “gustaría visitar todas as sedes posibles en España”, pero o procedemento establecido por FIFA fai que primeiro visiten “só as sedes que están na candidatura”. “Isto non significa que estea todo pechado. Pero primeiro hai que cumprir co que presentamos. E, co tempo, imos tentar ter máis sedes”, engadiu.
Na liña expresada polo presidente da RFEF, Rafael Louzán, Dervishaj afirmou que a entidade é “a primeira interesada en ter máis sedes en España”. “Ademais, pensamos que hai cidades, sedes e estadios que poden cumprir os requisitos de FIFA, despois dun traballo que está por facer”, comentou.
“Non hai data para o peche do procedemento de elección de sedes, pero imos tentar que todas as sedes presentadas cumpran e que poidan incluír máis sedes en España. Desde a RFEF asumimos a lideranza da organización do Mundial 2030”, concluíu Dervishaj.