A sociedade pública do Xacobeo aumenta ingresos nun 15% e prepárase para bater os seus récords no próximo Ano Santo.

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo estima que, a pesar do aumento da oferta no sector privado, o próximo Ano Santo, que se celebrará en 2027, producirase "unha recuperación das cifras previas ao ano 2020".

Un peregrino camina durante la salida del sol en el Monte do Gozo, en Santiago de Compostela.

Un peregrino camina durante la salida del sol en el Monte do Gozo, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros / Europa Press

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo pechou o 2024 cunha facturación de 2,44 millóns, por riba dos 2,14 colleitados o ano anterior e dos 1,78 do 2022, cando triplicou a facturación respecto ao exercicio anterior aínda marcado polas restricións derivadas pola crise sanitaria provocada polo Covid-19. 

En canto aos beneficios da sociedade, constituída en novembro de 1991, alcanzaron en 2024 os 43.056 euros, por debaixo dos 98.150,12 do ano anterior e moi lonxe dos  case 938.000 conseguidos no último exercicio anterior ao estalido da pandemia.

Segundo as contas depositadas no Rexistro Mercantil e consultadas por Economía Dixital Galicia os activos da sociedade alcanzaron o ano pasado os 45,28 millóns, 3,4 millóns máis que en 2023. Pola súa banda, o patrimonio neto incrementouse un 8% pasando dos 30,85 millóns en 2023 aos 33,30 un ano máis tarde. 

Previsión para o próximo Ano Santo

O pasado exercicio o Camiño de Santiago alcanzou un novo récord histórico de peregrinos con 499.242, superando en máis de 53.000 a cifra do ano anterior.  “Como viña ocorrendo nos anos anteriores, no 2024 mantívose a tendencia dos peregrinos que pernoctaron na rede de albergues, incrementándose significativamente respecto aos anos inmediatamente posteriores a pandemia alcanzando case as 260.000, observando por tanto unha importante tendencia á alza a pesar de non chegar ás cifras previas á pandemia”, explican na memoria que acompaña ás contas. 

Un dos factores que inflúen en que non se alcanzasen as cifras precovid-19 é “o aumento da oferta no sector privado”. Con todo, a sociedade estima que para o próximo Ano Santo, que se celebrará en 2027, producirase “unha recuperación das cifras previas ao ano 2020”. 

Tal e como explican os xestores na memoria, o ano pasado realizáronse obras de reparación e mantemento das instalacións e zonas verdes do Monte do Gozo que comprende o Centro de atención ao peregrino a cabalo, Bosque das Camelias. Con cargo aos fondos da sociedade, ademais das labores ordinarias de mantemento realizáronse “diversas reparacións extraordinarias nas instalacións de auga quente sanitaria e calefacción de varios albergues, así como nas instalacións eléctricas e contra incendios para a corrección de deficiencias”. 

Tamén se acometeron obras de consolidación e aseguramento dos inmobles Muiño do Toleiro, no concello de Sarria, e de Telleira da Baiuca, en Boimorto, “para evitar un maior deterioro dado o seu estado actual”. 

Subvencións

A sociedade de Xestión do Xacobeo recibiu o ano pasado subvencións de explotación que se incorporaron ao resultado do exercicio por importe de 4,88 millóns, lixeiramente por debaixo dos 5,24 millóns que inxectou en 2023 a Agencia de Turismo de Galicia.

Explican os xestores que, segundo os orzamentos aprobados para o exercicio 2024 a sociedade tiña aprobada unha subvención de explotación de 5,29 millóns para financiar gastos correntes. Con todo, “debido a distintas circunstancias de execución do orzamento con data 13 de decembro de 2024 solicitouse unha modificación do importe das subvencións de explotación de 441.540 euros”

Pola súa banda, os gastos de explotación mantivéronse nos 6,7 millóns, un dato moi próximo aos 6,57 rexistrados un ano antes. 

A rede de albergues está formada na actualidade por 76 establecementos, dos que 63 son xestionados pola SA do Xacobeo e 13 polos concellos e outras entidades; ademais a compañía tamén xestiona 3 puntos de información.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta