Alcampo confía en dous ‘ex’ de Inditex para superar a caída de vendas e a crise do hipermercado
O ascenso do coruñés Carlos Pedreira á dirección xeral coincide coa presenza de Ramón Barca no comité de dirección como responsable de Cadea de Subministración tras traballar case dez anos na multinacional de Amancio Ortega.

Carlos Pedreira, nuevo director general de Alcampo, y José Ramón Barca, responsable de cadena de suministro / montaje de ED con imágenes de Alcampo
Alcampo cambia de director xeral no medio dun proceso de transformación que ten como obxectivo frear a caída de vendas e mellorar o seu posicionamento nun mercado especialmente competitivo, no que loita coa capilaridade dos rexionais, os prezos de Lidl e Aldi, e a hexemonía de Mercadona. As raíces galegas na cúpula da multinacional francesa saen reforzadas da remodelación, coa chegada á dirección xeral Carlos Pedreira Freire, que pon fin á etapa de seis anos de Américo Ribeiro.
Pedreira, ata agora director de Patrimonio e Proximidade Dixital da cadea de supermercados, pasou case dous anos no departamento legal de Inditex, traballando para Zara Italia e Zara Francia, antes de ingresar en Kiabi, onde desenvolveu o groso da súa traxectoria como director xurídico do grupo e como responsable financeiro da súa central de compras ITFAS.
Auchan, grupo ao que chegou en 2017, encárgalle agora pilotar a estratexia de Alcampo para desenvolver un modelo multiformato e omnicanal que responda aos novos hábitos de consumo e mellore a experiencia de compra dos clientes, que parecen afastarse pouco a pouco do formato do hipermercado.
Unha dirección con pasado en Arteixo
O directivo galego, licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña, non estará só para levar a bo porto a misión. Ao seu redor desprega un comité de dirección de 10 integrantes. E comparte con un deles un vínculo común en Galicia e na multinacional de Amancio Ortega. Trátase de Ramón Barca, o director de cadea de subministración (Supply Chain, no termo inglés que utiliza Alcampo).
José Ramón Barca Pena chegou ao grupo de supermercados en 2024 procedente de Ecoalf, onde foi director de Operacións. Antes pasou nove anos en Inditex desempeñando funcións en loxística, tanto como responsable de equipo en importacións, exportacións e transporte, como na dirección de distribución de última milla. Segundo detalla no seu Linkedin, é cofundador de Looper Logística, empresa con sede en Madrid da que foi administrador único, e traballou tamén en Adveo ao fronte dese mesmo departamento, o de loxística.
A súa chegada a Alcampo prodúcese no segundo semestre do ano pasado, pasando a formar parte do comité de dirección que agora encabeza Carlos Pedreira.
ERE, peches e a dixestión pesada de DIA
Alcampo, no comunicado onde anunciou o relevo na súa dirección xeral, deu a entender que se tratou dun cambio planificado, no que Pedreira traballou desde 2021 xunto a Ribeiro, que se mantén como conselleiro de Auchan e presidente de Zenalco (central internacional de compras de froitas e verduras) coa responsabilidade de preparar a transición. O certo é que o novo director xeral toma as rendas nun momento complexo, tras acordar un ERE con 636 despedimentos e o peche de 16 supermercados da rede española.
O axuste de puntos de venda e de plantilla ten varias causas, pero enlaza de maneira directa coa adquisición en 2023 de 224 supermercados a DIA. Ao plantexar o tixeirazo, a compañía recoñeceu que a operación con DIA, enfocada a ampliar a súa capilaridade e a súa proximidade aos clientes, non era ideal e que algunhas das tendas non se adaptaban ao seu modelo, a súa localización non era a desexable ou tiñan unha taxa de esforzo excesiva.