Altri aférrase ao seu proxecto de Palas e estuda alegacións ao arquivo da Xunta
A pasteira lusa indica que “se atopa estudando diferentes opcións técnicas para a conexión á rede eléctrica, independentemente da planificación futura de Rede Eléctrica”.
José Soares de Pina, CEO de Altri
Altri non se dobra. A pasteleira portuguesa insiste en tratar de sacar adiante o proxecto dun complexo de produción celulósica e fibras téxtiles en Palas de Rei a pesar de non contar con conexión eléctrica na planificación de Rede Eléctrica e que, precisamente por este motivo, a Xunta iniciou o proceso para arquivar o proxecto.
A medida da administración galega, ata agora a gran valedora do proxecto, foi anunciada esta mañá do venres pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Greenfiber, a sociedade participada tamén de forma minoritaria por Manuel García, o dono de Greenalia, replicou que neste momento “está estudando a comunicación da Xunta en relación ao inicio do procedemento do arquivo do expediente e, como non pode ser doutra maneira, resérvase o dereito de presentar as alegacións que considere oportunas”.
A cotizada portuguesa insiste, nun comunicado remitido aos medios esta mesma mañá, en que a decisión da administración central de excluir o proxecto de Palas da planificación eléctrica ata 2030 “ten un carácter político e non técnico, na medida en que non se lle aportou ningunha explicación técnica que xustificase esa exclusión”.
Greenfiber presentou alegacións á decisión do Executivo central aínda que, de momento, “non recibiu ningunha contestación”.
“En todo caso, actualmente, a empresa atópase estudando diferentes opcións técnicas para a conexión á rede eléctrica, independentemente da planificación futura de Rede Eléctrica Española”, anunciou a compañía que impulsa a planta de fibras téxtiles.
Por outra banda, Altri lembra que aínda está á espera doutros certificados da Xunta, independentes do enganche á rede. “En canto ao procedemento administrativo, Greenfiber actuou desde o primeiro momento coa máxima dilixencia, achegando toda a documentación técnica que se lle requiriu. Neste momento, aínda está á espera dunha decisión da Consellería de Medio Ambiente sobre a Autorización Ambiental Integrada (AAI), algo que non depende da conexión eléctrica”, expón.