Altri regresa a beneficios en medio da ‘depresión’ polo arquivo do seu proxecto en Palas de Rei
A pasteleira lusa gaña 12,3 millóns no segundo trimestre, beneficiada polo incremento do prezo da celulosa e polo menor impacto climatolóxico, que provocara os números vermellos do inicio do ano.
José Soares, CEO de Altri / Altri
Altri atopa consolo nos números ao arquivo do seu proxecto en Palas de Rei. A compañía conseguiu volver a beneficios no segundo trimestre do exercicio, despois de que as tempestades rexistradas en Portugal ao inicio do ano levasen a conta de resultados aos números vermellos, con perdas de 7,7 millóns entre xaneiro e marzo. A pasteleira di no seu informe de resultados que o impacto dos eventos climatolóxicos aínda se notou, sobre todo no acceso á materia prima, pero o certo é que conseguiu xerar beneficios de 12,3 millóns entre abril e xuño.
A evolución dos prezos tamén axudou, cun incremento do 12% en BHKP e do 9% na pasta soluble. Foron boas novas para un grupo que acaba de coñecer o arquivo por parte da Xunta do seu proxecto para construír unha planta de pasta soluble e fibras téxtiles en Palas de Rei cunha inversión próxima aos 1.000 millóns por carecer de conexión eléctrica para a fábrica. Altri só comenta ao respecto que “continuará monitorizando futuras opcións que permitan crear as condicións axeitadas para o desenvolvemento” da planta, polo que non dá a batalla por perdida.
A compañía que dirixe José Soares de Pina, en todo caso, mantén importantes vínculos en Galicia, onde adquiriu a antiga división forestal de Greenalia e onde fai anos que se abastece de madeira.
Recuperación dos ingresos
Altri alcanzou unha cifra de negocio no segundo trimestre de 204,6 millóns, o que supón un incremento do 20% sobre o mesmo período do exercicio anterior. Este avance explícase por un aumento no volume de vendas do 16,5%, especialmente no segmento de pasta soluble grazas aos avances na transformación dunha das súas fábricas, Biotek, que anteriormente se adicaba á produción de pasta de celulosa convencional.
O ebitda situouse nos 30 millóns, un 6,5% máis, cun marxe algo inferior ao do ano pasado, pois caeu ao 14,7%, dous puntos porcentuais por debaixo.
A pesar da recuperación do segundo trimestre, o temporal aínda arrecia sobre os números do grupo se se observa o conxunto do ano. Os ingresos do primeiro semestre sitúanse en 364,7 millóns, un 2% menos que no mesmo período de 2025; e os beneficios caen un 66% en termos interanuais, quedando en 6,3 millóns.
Máis produción e máis débeda
A produción das plantas de Altri, todas ubicadas en Portugal, incrementouse no segundo trimestre. A pasta situouse nas 282.000 toneladas, un 5% máis que no mesmo período de 2025, apoiada nun crecemento da pasta soluble do 102,3%. En cambio, a pasta BHKP caeu un 3,9%. Isto non é máis que un reflexo da propia transformación que está a tratar de levar a cabo a compañía cara a un produto de maior valor engadido e enfocado cara á industria téxtil. As vendas de pasta situáronse nas 291.000 toneladas, un 16,5% máis que no segundo trimestre de 2025.
A débeda neta do grupo ascendía a 397,9 millóns ao peche de xuño, o que supón un incremento respecto aos 348,4 millóns cos que rematou marzo. O maior endebedamento ten que ver, segundo Altri, coa distribución de dividendos (51,3 millóns) e a inversión nos proxectos de diversificación, como a propia transformación de Biotek ou a futura unidade industrial de AeoniQ.